[12-04-2013] Un ano máis o Concello de Ames conmemorará o Día do Libro cun acto especial e novidoso que reunirá a literatura e a música e que terá lugar o vindeiro sábado, 20 de abril, en Bertamiráns. As actividades do Día do Libro concentraranse na Praza do Concello e nos seus arredores. A partir das 17:00 horas, esta céntrica praza acollerá diferentes obradoiros, contacontos para adultos e nenos, así como a campaña de dinamización lingüística, Gústame o galego. Ademais, como é xa habitual, presentaranse os traballos premiados no IX Certame Literario Concello de Ames. Este ano, o concello realizará unha solta de libros polos arredores da Praza do Concello. As persoas que atopen estes exemplares poderán levalos de agasallo. Tamén haberá un posto para intercambiar libros e Pepe Carreiro impartirá un obradoiro de ilustración dos Bolechas. As librarías municipais Lenda, Boas e Novas e Nenos Nais encherán a praza cos seus libros e ofrecerán un desconto do 10% sobre o prezo habitual.
O Concello de Ames xa ten pechada a programación de actividades que se organizarán o vindeiro sábado, 20 de abril, con motivo da conmemoración do Día do Libro. A Concellaría de Cultura deseñou unha programación especial para todos os públicos. Fuxindo da habitual organización dos actos en espazos pechados, a conmemoración do Día do Libro en Ames será na rúa, ao aire libre, de xeito que poida ter un maior dinamismo e proximidade á cidadanía. O tempo non será ningún impedimento para asistir, pois os operarios do Concello instalarán varias carpas para acoller as diferentes actividades programadas.
Esta edición de Literatura na Praza vén cargada de novidades. Unha das principais é a solta de libros que realizará o Concello polos arredores da praza. As persoas que atopen estes libros poderán levalos para as súas casas. Tamén haberá un posto para intercambiar libros. Todos os veciños e veciñas que o desexen poderán levar os seus libros para intercambialos por outros que non leron. Para facer este intercambio habilitarase un posto específico.
Outra das novidades será o Recanto da lectura, que poñen en marcha as bibliotecas municipais. Neste posto haberá fondos da biblioteca municipal centrados en varias temáticas e autores. Deste xeito, a veciñanza poderá gozar da literatura de autores que este ano reciben algún recoñecemento especial. Entre outros, estarán as obras de Rosalía de Castro, xa que en 2013 se celebra o 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, ou de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Photocoll de Gústame o galego
Gústame o Galego é outra das novidades desta edición. Trátase dunha campaña xeral de fomento da lingua coa que se visibiliza o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso da lingua en diversos ámbitos e situacións.
Nesta actividade instalarase un photocall para que as persoas ás que lles guste o galego poidan elixir un lema e sacar unha foto de Gústame... para trasladarlle ao mundo que lles gusta o galego a través das redes sociais. Previamente, terán que cubrir a correspondente autorización para subir as imaxes á páxina www.facebook.com/gustameogalego. Dúas persoas monitorizarán a acción, tirarán as fotos, etc., e as fotografías obtidas poderán descargarse. Cada persoa que participe será agasallada cunha chapa de Gústame o galego.
A programación para conmemorar o Día do Libro desenvolverase entre as 17:00 h e as 20:00 horas aproximadamente. A praza do Concello en Bertamiráns acollerá unha feira de exposición e venda de libros. Este día suporá unha boa oportunidade para darlle á literatura a importancia que merece nas nosas vidas ofrecéndolle un oco do noso tempo, pois no mesmo lugar no que se desenvolve este acto, as librarías amienses exporán os seus libros e poranos á venda. As librarías Lenda (Bertamiráns), Boas e Novas (Bertamiráns) e Nenos e Nais (O Milladoiro) ofrecerá un desconto do 10% de desconto sobre o prezo en libraría.
Obradoiro de ilustración con Pepe Carreiro
Outra das actividades que seguramente máis interese esperte será o obradoiro dos Bolechas que impartirá Pepe Carreiro, autor e ilustrador de todas as obras dos Bolechas. Ademais, haberá un posto cos materiais dos Bolechas, onde se poderán mercar os libros que narran as aventuras desta familia de ficción.
Tamén haberá un obradoiro de deseño e elaboración de cadernos con materiais de reciclaxe, que impartirán as técnicas de Medio Ambiente e Xuventude e no que todas as persoas participantes poderán elaborar o seu propio e orixinal caderno.
Contacontos para todas as idades con Santi Prego e coas animadoras á lectura municipais
Santi Prego, o coñecido actor, popularizado, entre outros traballos, polas series da televisión de Galicia Rías Baixas ou Libro de Familia, ofrecerá unha sesión de contacontos para adultos e as animadoras á lectura da biblioteca municipal ofrecerán dúas sesións de contos para que os máis pequenos pasen unha tarde entretida.
Ademais, como adoita ser habitual realizarase a presentación dos traballos premiados no IX Certame Literario Concello de Ames, na que participarán os autores e autoras gañadores nesa edición. Por último, cómpre salientar que a música deste acto correrá a cargo dos grupos municipais Os Castros e A Requinta da Mahía.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames conmemora o Día do Libro o próximo sábado, 20 de abril"