Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día de Rosalía de Castro cun acto literario-musical

Luns, 17 de febreiro de 2014

[17-02-2014] O Concello de Ames xa pechou o programa de actos cos que conmemorará este domingo, 23 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro. O acto comezará ás 19:00 horas e desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste acto participarán o profesor e poeta Carlos Negro e a profesora e critica literaria Dolores Vilavedra, membro da Fundación Rosalía. A música correrá a cargo do grupo de pandereteiras As Maianas e da Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido que versionarán temas de Rosalía de Castro. Tamén se lerán varios poemas da escritora galega. Nesta lectura participarán os alumnos/as de varios centros de ensino de Ames, así como varios alumnos/as do Obradoiro de Lingua e Cultura.

O Concello de Ames decidiu en 2012, mediante acordo plenario, instaurar o 24 de febreiro como o Día de Rosalía co obxectivo de promover a difusión do legado da escritora. En virtude deste acordo, este domingo 23 de febreiro, o Concello de Ames conmemorará o Día de Rosalía cun acto literario-musical. Este ano celébrase o 177 aniversario do nacemento da escritora galega.

O acto de conmemoración do Día de Rosalía de Castro en Ames contará coa lectura pública de varios poemas da escritora galega que levarán a cabo representantes de distintos ámbitos culturais e sociais do municipio. Nesta lectura intervirán nenos e nenas dos centros de ensino amienses, alumnos/as do Obradoiro de Lingua e Cultura, e representantes da cultura amiense como son o profesor e poeta Carlos Negro e a profesora e critica literaria Dolores Vilavedra, membro da Fundación Rosalía.

Na lectura de poemas colaboran os centros de ensino de Ames. Varios alumnos/as do CEP de Ventín, do CEIP Agro do Muíño, do CEIP de Barouta, do IES de Bertamiráns e do IES do Milladoiro lerán varios poemas de Rosalía de Castro. O nenos e nenas do colexio de Educación infantil do Milladoiro tamén prepararon para a ocasión unha proxección na que participa todo o alumnado deste centro de ensino. Ademais, participarán seis alumnos e alumnas do Obradoiro de Lingua e Cultura.

Para facer máis ameno o acto tamén haberá varias actuación musicais. Deste xeito, a música correrá a cargo do grupo de pandereteiras As Maianas e da Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido, que versionarán temas de Rosalía de Castro.

Visita á Casa Museo de Rosalía de Castro
Por outra banda, o Concello de Ames organizou para este sábado 22 de febreiro unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro, que se atopa en Padrón. Esta actividade enmárcase dentro da programación que organizou o Concello para celebrar o Día de Rosalía. Para iso, porase á disposición da veciñanza amiense un autobús que saíra as 11:00 horas do Milladoiro e a continuación, ás 11:15 horas pasará por Bertamiráns, para recoller a todas as persoas que se inscriban nesta visita.

Os participantes irán en autobús ata a Casa Museo de Rosalía de Castro. Unha vez alí, os veciños e veciñas que participen nesta actividade recibirán unha explicación sobre a vida e a obra da escritora galega. Está previsto que a visita remate ás 14:00 horas. Cada participante terá que pagar a súa entrada para visitar a Casa Museo, que ten un custo de 1,20 euros. O custo do autobús corre a cargo do Concello de Ames.

Todos os veciños e veciñas de Ames que desexen participar nesta visita poderán inscribirse ata o 19 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Hai dispoñibles 55 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que estean empadroadas no Concello de Ames.