[26-05-2014] O Concello de Ames conmemorará este martes, 27 de maio, o Día Nacional do Celíaco cun xantar no comedor do CEIP Agro do Muíño. Dende o ano 2005 o departamento de Educación organiza esta comida coa que se pretende facer extensivo ao resto de alumnado amiense o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas celíacos. A esta comida asistirán membros da corporación municipal, así como empregados do colexio, traballadores do Concello, medios de comunicación e pais de nenos con celiaquía e alerxias alimentarias.
A través desta iniciativa o Concello de Ames pretende informar sobre a celiaquía, que é a enfermidade crónica intestinal máis frecuente no Estado, concienciando á veciñanza de que quen padece esta doenza pode realizar unha vida absolutamente normal, sen ter que renunciar a ningún tipo de actividade social, deportiva ou afectiva. Este xantar, que se vén celebrando nos últimos anos, busca tamén promover a integración plena das persoas que sofren celiaquía por medio do coñecemento da doenza e saber do sinxelo que é convivir con ela.
O Concello de Ames é pioneiro desde 2005 nesta labor de integración nos seus comedores, mediante o traballo tanto da Rede Municipal de Comedores Escolares como das dúas escolas infantís municipais: O Bosque e A Madalena, ofrecendo aos nenos e nenas usuarios destes servizos menús adaptados ás súas necesidades.
Na xa tradicional comida do Día do Celíaco daranse cita un grupo de representantes de diversos sectores e do ámbito educativo municipal, así como pais e nais de nenos celíacos e, como xa é tamén tradicional no Concello de Ames, nais e pais tamén de nenos alérxicos; que compartindo un menú apto para celíacos, intercambiarán impresións e solidarizaranse cos rapaces/as celíacos, e tamén cos alérxicos e, en xeral, coas persoas que requiren un tratamento nutricional específico por mor de intolerancias ou enfermidades.
Alerxias alimentarias
Na Rede Municipal de Comedores Escolares adáptase semanalmente o menú basal aos 110 tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Nese grupo están incluídos os nenos/as celíacos e os rapaces e rapazas con diferentes alerxias alimentarias. Durante o curso 2013-2014, hai un total de 1.080 escolares que son usuarios fixos da rede de comedores escolares.
Dende este servizo préstase unha especial atención aos usuarios/as que teñen algunha alerxia alimentaria. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede Municipal de Comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.




