Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora este venres, 26 de outubro, o Día do dano cerebral adquirido

Mércores, 24 de outubro de 2018

[24-10-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, colabora coa Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, na conmemoración do Día do dano cerebral adquirido que se celebra este venres, 26 de outubro. Con motivo de dita conmemoración, esta asociación achégase a Ames o vindeiro mércores, 31 de outubro, co seu programa de información, orientación e apoio. A través desta iniciativa, Laura Segade, traballadora social da asociación, ofrecerá unha charla informativa sobre o dano cerebral adquirido (DNA) na que afondará nas causas, prevención e recuperación desta afectación. A conferencia celebrarase no local de JUPEMI do Milladoiro, ás 17.30 horas.

Con motivo do Día do Dano Cerebral Adquirido, que se celebra cada 26 de outubro, a asociación Sarela organiza , coa colaboración da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Ames, para o vindeiro mércores, 31 de outubro, unha charla informativa sobre esta afectación no local social de JUPEMI, no Milladoiro. Trátase dunha conferencia aberta ao público, na que se falará de aspectos xerais da DCA ao tempo que se afondará nas causas que poden producir esta afectación das estruturas encefálicas.

Asemade, Raquel Segade, traballadora social da agrupación encargada de impartir a charla, ofrecerá aos asistentes unha serie de consellos sobre prevención, atención e rehabilitación de persoas que sofren esta afectación, que é a primeira causa de discapacidade e dependencia en persoas adultas. Con esta charla, o que se propón a asociación é sensibilizar á poboación sobre o DCA, as causas que o provocan e as súas consecuencias.

Así, ao comezo da charla precisarase que é o dano cerebral adquirido, así como as causas que poden ocasionar esta afectación, como son o ictus, o traumatismo cranioencefálico ou o tumor cerebral, entre outros. De seguido, afondarase nas consecuencias deste tipo de dano e como previlo. Ademais, tamén se incidirá en que facer cando xa se produciu o dano cerebral e nos factores que favorecen a recuperación.

Para rematar, a poñente falará sobre a asociación Sarela, os servizos dos que dispoñen e o traballo que dende a asociación están a desenvolver de cara a facilitar a vida e a recuperación das persoas que sofren Dano Cerebral Adquirido.

Os/as interesados/as en recibir máis información sobre o traballo da asociación Sarela poden acceder á páxina web da asociación www.sarela.org, chamar ao número de teléfono 981 577 037 ou enviar un correo electrónico ao enderezo sarela@sarela.com.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames acoge una charla el 31 sobre el daño cerebral"
Compostela 24 horas: "Ames conmemora este venres o Día do dano cerebral adquirido"