[01-12-2016] O goberno municipal quere conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra todos os anos o día 3 de decembro, e para iso organizou unha serie de actos para mañá venres, 2 de decembro, ás 12:00 horas na Casa do Concello, onde se lle fará unha recepción a todos os integrantes da asociación Arcea-Adames. De seguido, farase unha solta de globos na praza do Concello, que está aberta a toda a veciñanza amesá. A estes actos está convidada toda a corporación municipal.
Dende 1992, cada 3 de decembro celébrase mundialmente o Día Internacional das Persoas con Discapacidades. Este ano céntrase en promover os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) necesarios para alcanzar o futuro que queremos, e destacar o papel que desempeñan estes obxectivos recentemente establecidos na construción dun mundo máis inclusivo e igualitario para as persoas con discapacidades. Este ano examinarase o estado actual da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade como dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e sentar as bases dun futuro inclusivo para as persoas con discapacidades. A celebración coincide ademais co aniversario da aprobación da Convención, unha das máis rapidamente ratificadas por un gran número de países.
Na actualidade a poboación mundial conta con máis de sete mil millóns de persoas. Máis de mil millóns (o 15%) viven con algún tipo de discapacidade, a maior parte nos países en vías de desenvolvemento, polo que é preciso traballar por unha sociedade incluínte. A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “está demostrado que cando non existen obstáculos á integración das persoas discapacitadas é un feito real. Estas poden participar dun xeito activo e produtivo na vida dunha comunidade. Por iso é necesario eliminar as barreiras da asimilación dos discapacitados á sociedade”.
Co obxectivo de conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade dende a Concellaría de Servizos Sociais e igualdade organizaron unha serie de actos para este venres, 2 de decembro, ás 12:00 horas na Casa do Concello onde se lle fará unha recepción a todos os integrantes da asociación Arcea-Adames. De seguido, farase unha solta de globos na praza do Concello que está aberta a toda a veciñanza amesá. A estes actos está convidada toda a corporación municipal.
A asociación Arcea-Adames, que está presidida por Juan Sastre Serrano, creouse no ano 2003 como iniciativa duns pais e titores de persoas con discapacidade intelectual, coa finalidade de adoptar todas as medidas que contribúan á mellora da calidade de vida destas persoas e a dos seus familiares. Esta entidade conta na actualidade con 15 usuarios/as que asisten diariamente ao local que dita asociación ten na rúa de Abaixo do Milladoiro.




