Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora este venres, 16 de maio, o Día das Letras Galegas cun acto literario-musical na Casa da Cultura do Milladoiro

Mércores, 14 de maio de 2014

[14-05-2014] O Concello de Ames ten preparado un acto literario-musical para o día anterior ao das Letras Galegas, o venres 16 de maio. Neste acto actuará a Escola Municipal de Música de Ames e entregaranse os premios do XI Certame Literario e do VI Certame Intercentros Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 20:00 horas. Tal e como se establecen nas bases, hoxe publícanse os gañadores do Certame Literario Concello de Ames. Nesta edición o xurado encargado de elixir os premiados/as estivo composto polos recoñecidos autores do panorama literario galego; Begoña Caamaño, Carlos Negro e Charo Pita. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a listaxe completa dos premiados no XI Certame Literario do Concello de Ames e no VI Certame Artístico Literario Intercentros.

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este venres, 16 de maio, o acto central co que o Concello de Ames conmemora as Letras Galegas. Este acto comezará coa actuación do coro da Escola Municipal de Música de Ames, que interpretará as cancións populares 'Muiñeira do Alén' e 'O Rosa'. A continuación procederase a facer entrega dos premios do VI Certame Intercentros Concello de Ames.

De seguido, entregaranse os premios do XI Certame Literario. Nesta edición os premios recaeron nas seguintes persoas. Na primeira categoría de narrativa, para rapaces e rapazas de ata 13 anos, o primeiro premio recaeu na obra 'O súper rato', do amiense Manuel Mosquera Dapena. O segundo premio caeu nas mans do brionés Daniel Souto Pazó autor do traballo 'O descubrimento'. O terceiro premio foi para 'O Vagar da memoria', de Blanca Barros Rubines, de Cuntis .

Na segunda categoría de narrativa, dirixida a rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos, o primeiro premio foi para nicrariense Sara Riveiro Capeáns coa obra 'O último home vivo do planeta Terra gozaba moito lendo'. O segundo premio foi para Iria Esperón Abril, de Valga, coa obra 'Estrelada' e o terceiro para Sofía Tuñas Puentes, tamén de Negreira, co título 'O Faro'.

Na terceira e última categoría desta modalidade, dirixida ás persoas maiores de 18 anos, o primeiro posto foi para o amiense Xosé Anxo Corral Suárez coa peza 'Xeometría Posteuclidiana'. A segunda posición acadouna a amiense María Luz Cures Vázquez co traballo 'Trico e Anosmia' e o terceiro premio foi para 'Delincuencia', do autor Carlos Méndez Leis, de Santiago de Compostela.

Premiados na modalidade de poesía
Na modalidade de poesía os premios tamén se repartiron en tres categorías diferenciadas polas idades dos participantes. A primeira categoría, onde a idade máxima é de 13 anos, o primeiro posto foi para Pablo Souto García, de Santiago de Compostela, que escribiu a obra 'Os amigos imaxinarios'. O segundo premio foi para Xián Villanueva Moreiras, de Teo, coa peza 'Envexa' e no terceiro posto quedou a viguesa Lara Castro Taboada co seu traballo 'Os soños'.

Na segunda categoría, que acolle aos rapaces e rapazas de 14 a 17 anos, o primeiro premio foi para Marcela Porto Mato, da Estrada, coa peza 'Oriéntame cos meridianos cara ao ceo'. No segundo posto quedou o amiense, Salvador Pena Castro, co traballo 'A Fame' e o terceiro premio acadouno Sofía Tuñas Puentes, de Negreira, co título 'Ela'.

Na terceira categoría que abrangueu a todas as persoas de máis de 18 anos, o primeiro premio foi para a obra 'Memoria dun cuarto' do noiés Ismael Ramos Castelo. O segundo premio foi para Manuel Otero Boquete, de Ames, coa súa obra 'Xogo de cama', mentres que o terceiro premio recaeu no traballo 'Desejar é conjuntivo. Arrastar a história' de Esperanza Rocamonde Iglesias, de Santiago de Compostela.

Este ano presentáronse un total de 130 traballos. Na modalidade de narrativa presentáronse 76 textos, mentres que na modalidade de poesía houbo 64 textos orixinais presentados. Cómpre destacar que 5 dos premiados son de Ames. Polo tanto dos 18 premios concedidos, 5 foron gañadores por escritores/as amienses. A ampla participación nesta convocatoria é unha mostra da acollida que ten este certame entre os novos creadores e creadoras, un certame que, nos seus once anos de existencia foise consolidando como referente no ámbito cultural galego.

Para pechar o acto intervirá a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e volverán a actuar os alumnos/as da Escola Municipal de Música de Ames, que interpretarán o tema 'O Camiño de Santiago', de Carlos Núñez. Esta peza estará interpretada por Nerea Montes (frauta); Javier Abel (guitarra); Iria Güimil e Aga (violíns).