Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora este sábado o Día Mundial da Auga co lanzamento de máis de 3.000 bolas de arxila para mellorar o fondo e a calidade da auga do río Sar

Xoves, 27 de marzo de 2014

[27-03-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, deseñou un completo programa de actividades para conmemorar o Día Mundial da Auga que se celebra cada ano o día 22 de marzo. Este programa de actividades comezou a pasada fin de semana cunha charla-coloquio sobre a mellora das características físicas, biolóxicas e supresión de enfermidades dos fondos fluviais a través da aplicación de microorganismos efectivos. Ademais, o sábado pasado desenvolveuse un obradoiro na Aula da Natureza no que un grupo de 30 persoas elaboraron máis de 3.000 bolas de arxila impregnadas de microorganismos eficientes, que se lanzarán ao fondo do río Sar este sábado, 29 de marzo, nun acto que se realizará no paseo fluvial de Bertamiráns.


Durante o mes de marzo celébrase a conmemoración de tres importantes efemérides medio ambientais como son o Día Forestal Mundial, o Día Mundial da Auga e o Día Mundial da Meteoroloxía. Para conmemorar estas celebracións o Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organizou un completo programa de actividades que xa comezaron a pasada fin de semana e que rematan este sábado, 29 de marzo, cun acto que se desenvolverá no paseo fluvial de Bertamiráns. A través desta programación de actividades, que se denominan “Dálle vida ao Sar”, preténdese realizar unha acción conxunta de mellora da calidade ambiental do río Sar.

O acto central da programación do Día Mundial da Auga realizarase este sábado, 29 de marzo, no paseo fluvial de Bertamiráns. A partir das 12:30 horas desenvolveranse unha serie de actividades para conmemorar o día Forestal Mundial, o Día Mundial da Auga e o día Mundial de Meteoroloxía, que se celebran os días 21, 22 e 23 de marzo, respectivamente. Deste xeito, lanzaranse máis de 3.000 bolas de arxila con microorganismo eficientes nun tramo do río Sar duns 1.200 metros cadrados aproximadamente, para mellorar o fondo e a calidade da auga deste río.

Estas bolas de arxila foron elaboradas o sábado pasado nun obradoiro que tivo lugar na Aula da Natureza e no que participaron un grupo de 30 veciños e veciñas de Ames. Estes microorganismos eficientes quedaron fermentando na Aula da Natureza ao longo de toda esta semana para despois ser lanzados ao río Sar. A través desta actuación preténdese que os fangos contidos no interior do tramo do río Sar onde se vai actuar, se mineralicen e se convertan en compostos húmicos, capaces de reproducir e manter a vida do río na súa forma non contaminada, coa conseguinte recolonización de vexetais e fauna acuática característica da zona.

Estes microorganismos efectivos cambian a micro e macroflora dos chans, e melloran o equilibrio natural, de maneira que os chans con axentes patóxenos se converten en chans supresores de enfermidades. Ademais, restablecen o equilibrio microbiolóxico do chan, mellorando as súas condicións físico-químicas, incrementando a produción dos cultivos e a súa protección. A través dos efectos antioxidantes promoven a descomposición da materia orgánica e aumentan o contido de humus, así como axudan a conservar os recursos naturais, xerando unha agricultura sostible.

Obradoiros relacionados coa auga
Por outra banda, no contorno do paseo fluvial de Bertamiráns impartiranse obradoiros relacionados coa auga. Tamén haberá música e unha exposición sobre a bolboreta monarca, que está sufrindo cambios na súa migración debido aos efectos do cambio climático.

Previamente, o venres 21 de marzo o Pazo da Peregrina acolleu unha charla-coloquio sobre a mellora das características físicas, biolóxicas e supresión de enfermidades dos fondos fluviais a través da aplicación de microorganismos efectivos. A través desta charla a veciñanza amiense coñeceu como actúan estes microorganismos nos lodos do río Sar.