Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora este mércores, 28 de xuño, o Día das diversidades sexuais

Luns, 26 de xuño de 2017

[26-06-2017] A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade informa de que este mércores, 28 de xuño, conmemora ás 12:00 horas, diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, o Día das diversidades sexuais. Deste xeito, farase unha concentración, lerase un manifesto acordado entre os diferentes grupos políticos da corporación municipal, despregarase a bandeira do arco da vella e realizarase o reparto do material da campaña “Construíndo diversidade”, posta en marcha pola Deputación da Coruña e á que se adheriron un total de 31 Concellos entre os que se atopa Ames.

A través desta campaña trátase de sensibilizar sobre a necesidade de xerar sociedade, apoiando a diversidade e a liberación sexual que non entende de orientación sexual ou identidade de xénero, así como normalizar a comunidade LGTBQI. Este mesmo material está dispoñible na Casa do Concello, nas Oficinas Xerais do Milladoiro e nos departamentos municipais de Servizos Sociais. Dende o goberno municipal anímase tanto aos traballadores/as municipais coma a veciñanza amesá a participar en dita conmemoración.