Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora esta fin de semana o Día Mundial da Auga cunha charla e un obradoiro sobre a recuperación ambiental do río Sar

Xoves, 20 de marzo de 2014

[20-03-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, deseñou un completo programa de actividades para conmemorar o Día Mundial da Auga que se celebra cada ano o día 22 de marzo. Este programa de actividades comeza este venres, 21 de marzo, cunha charla-coloquio sobre a mellora das características físicas, biolóxicas e supresión de enfermidades dos fondos fluviais a través da aplicación de microorganismos efectivos. Durante a xornada do sábado, 22 de marzo, desenvolverase un obradoiro na Aula da Natureza para que todos os veciños/as que poidan se acheguen a estas instalacións municipais co fin de axudar na elaboración de 8.000 bolas de arxila impregnadas de microorganismos eficientes, que se lanzarán ao fondo do río Sar o día 29 de marzo nun acto que se realizará no paseo fluvial de Bertamiráns.

Esta semana celébrase a conmemoración de tres importantes efemérides medio ambientais como son o Día Forestal Mundial, o Día Mundial da Auga e o Día Mundial da Meteoroloxía. Para conmemorar estas efemérides o Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organizou un completo programa de actividades que comezan este venres, 21 de marzo, e que rematarán o sábado, 29 deste mes, cun acto que se desenvolverá no paseo fluvial de Bertamiráns. A través desta programación de actividades, que se denominan “Dálle vida ao Sar”, preténdese realizar unha acción conxunta de mellora da calidade ambiental do río Sar.

As actividades comezan este venres, 21 de marzo, cunha charla-coloquio sobre a mellora das características físicas, biolóxicas e supresión de enfermidades dos fondos fluviais a través da aplicación de microorganismos efectivos. A veciñanza amiense coñecerá como actúan estes microorganismos nos lodos do río Sar. Esta charla desenvolverase a partir das 19:00 horas no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. Posteriormente, este sábado, 22 de marzo, a Aula da Natureza, que está situada no lugar de Quintáns, número 5, pertencente á parroquia da Ameixenda, acollerá un obradoiro dende as 10:30 ata as 19:00 horas.

Durante estas preto de nove horas os veciños e veciñas de Ames poderán pasar polas instalacións da Aula da Natureza para botar unha man na elaboración das bolas de arxila, que posteriormente se lanzarán o río Sar o día 29 de marzo. Neste obradoiro intentarase elaborar 8.000 bolas de arxila impregnadas de microorganismo eficientes, que son unha combinación de microorganismos beneficiosos de orixe natural e ubicuos. Estes microorganismos eficientes quedarán fermentando na Aula da Natureza ao longo de toda a semana para despois ser lanzados ao río Sar.

Acto central do Día Mundial da Auga
O acto central da programación do Día Mundial da Auga desenvolverase o próximo sábado, 29 de marzo, no paseo fluvial de Bertamiráns. A partir das 12:30 horas desenvolveranse unha serie de actividades para conmemorar o día Forestal Mundial, o Día Mundial da Auga e o día Mundial de Meteoroloxía, que se celebran os días 21, 22 e 23 de marzo, respectivamente. Deste xeito, lanzaranse as 8.000 bolas de arxila con microorganismo eficientes nun tramo do río Sar duns 1.200 metros cadrados aproximadamente, para mellorar o fondo e a calidade da auga deste río.

A través desta actuación preténdese que os fangos contidos no interior do tramo do río Sar onde se vai actuar, se mineralicen e se convertan en compostos húmicos, capaces de reproducir e manter a vida do río na súa forma non contaminada, coa conseguinte recolonización de vexetais e fauna acuática característica da zona.

Estes microorganismos efectivos cambian a micro e macroflora dos chans, e melloran o equilibrio natural, de maneira que os chans con axentes patóxenos se converten en chans supresores de enfermidades. Ademais, restablecen o equilibrio microbiolóxico do chan, mellorando as súas condicións físico-químicas, incrementando a produción dos cultivos e a súa protección. A través dos efectos antioxidantes promoven a descomposición da materia orgánica e aumentan o contido de humus, así como axudan a conservar os recursos naturais, xerando unha agricultura sostible.

Por outra banda, no contorno do paseo fluvial de Bertamiráns impartiranse obradoiros relacionados coa auga e realizarase unha plantación simbólica en conmemoración do día internacional da árbore. Tamén haberá música e unha exposición sobre a bolboreta monárquica, que está sufrindo cambios na súa migración debido aos efectos do cambio climático.