Pestanas principais

O Concello de Ames conéctase mediante fibra óptica

Domingo, 29 de maio de 2011

[29-05-2011] Remataron as obras para conectar mediante fibra óptica os edificios públicos de Bertamiráns. O Concello de Ames recepcionou as obras que se executaron para conectar mediante unha rede de fibra óptica todos os edificios públicos de Bertamiráns. Este proxecto foi executado pola empresa Dominión Tecnologías SLU que é a única compañía que ten a patente para instalar a rede "easy fiber" pola rede de saneamento. Este é un novidoso sistema que se empregou por primeira vez en Galicia. Este proxecto permitirá que a implantación da administración electrónica poida ser xa unha realidade no noso Concello, e ao mesmo tempo permitirá que os veciños e veciñas se poidan beneficiar das vantaxes deste servizo. En Galicia o Concello de Ames foi pioneiro no despregue desta nova tecnoloxía. A implantación do anel de fibra óptica tivo un custo de 113.879,69 euros.


O Concello de Ames estase preparando para a posta en marcha da administración electrónica e un dos pasos máis importantes era a execución deste proxecto que abarcou a implantación dunha rede propia que conecta mediante un anel de fibra óptica os edificios municipais que están situados en Bertamiráns. Coa implantación da administración electrónica o Concello de Ames pretende levar a cabo unha modernización que permita achegar cada vez máis a Administración á cidadanía. Deste xeito garántese a presenza dos concellos en Internet e favorécese a prestación de servizos en liña, coa mesma validez e eficacia que os realizados de xeito presencial.

O obxectivo deste proxecto foi dotar ao núcleo urbano de Bertamiráns dunha infraestrutura básica constituída por unha rede de fibra óptica que conecta os diferentes edificios municipais situados nesta localidade. Esta rede vai a quedar en propiedade do Concello de Ames, non tendo que pagar aluguer algún por dita infraestrutura. Os edificios municipais de Bertamiráns que están conectados mediante o anel de fibra óptica son a Casa do Concello, a Casa da Cultura, o Pazo da Peregrina, a Escola Infantil O Bosque, os departamentos da Policía local, Urbanismo, Contratación e Intervención e o novo Centro de Proceso de Datos (CPD). A lonxitude estimada do trazado da rede principal de fibra óptica é de 2.500 metros.

Este proxecto foi executado pola empresa Dominión Tecnologías SLU que é a única compañía que ten a patente para instalar a rede "easy fiber" pola rede de saneamento e así quedar en propiedade do Concello. "Este é un novidoso sistema que se empregou por primeira vez en Galicia e que ata o de agora só se empregara en algún concello de Cataluña" afirmou Jose Miñones, concelleiro en funcións da área de Reforma Administrativa e Calidade na Administración.

Cómpre destacar que ao facerse o despregue da fibra óptica pola rede de saneamento non houbo que facer grandes obras na calzada e pavimento das estradas municipais. Tan só foi preciso executar obras nas arquetas, co fin de conectar a rede entre os diferentes edificios municipais, e nalgúns tramos de calzada nos que a rede de saneamento non o permitía. Esta instalación levouse a cabo mediante uns robots que se meten polas cavidades da rede de saneamento instalando a rede de fibra óptica. Este é un procedemento que xa se realizou en varias localidades de Cataluña e Francia.

Jose Miñones explicou que "existía a posibilidade de instalar a fibra óptica pola rede telefónica ou pola rede de saneamento, pero optouse por esta última porque ofrece varias vantaxes como son a preservación dos bens de dominio público e a valorización do patrimonio. Algunhas empresas galegas puxéronse en contacto coa empresa adxudicataria e o Concello co fin de visitar a obra para poder ver os mecanismos que se empregaron". Deste xeito poderase instalar a rede de fibra óptica a través da rede de saneamento en cidades como Santiago de Compostela ou Lugo que teñen que preservar o patrimonio arquitectónico.

A rede está composta por 64 fibras

A rede está composta por 64 fibras e a infraestrutura realizada a través do anel de fibra óptica será capaz de proporcionarlle un soporte ao tráfico xerado polas comunicacións internas actuais dos servizos municipais, entendendo como tales os servizos de telefonía, vídeo, datos, rede semafórica, etc..., así como futuros servizos non contemplados nun principio. O deseño da rede permitirá futuras ampliacións tanto na súa capacidade como nas súas conexións. A rede que se instalou está composta por oito tubos. Cada un destes tubos dispón de oito fibras polo que en total a rede está composta por 64 fibras.

Hai que sinalar que o Concello ten previsto a utilización de tan só un tubo de oito fibras para os distintos servizos municipais, polo que a capacidade sobrante poderíase empregar para outros fins. Deste xeito, contémplase a posibilidade de empregar a capacidade sobrante da rede, tanto nas canalizacións como nas propias fibras ópticas non usadas, para permitir a súa utilización por parte das compañías distribuidoras de servizos telefónicos e de banda ancha, ou por empresas locais que necesiten unir varios centros de produción, para encamiñar os seus servizos de comunicación ao longo do trazado da mesma en réxime de aluguer, o que permitirá o retorno do investimento feito.

Este sería un xeito de costear parte dos gastos derivados da conservación da propia rede. Os veciños e veciñas de Bertamiráns tamén se poderán beneficiar deste servizo xa que aumentará a oferta de empresas que ofrecen o servizo de banda ancha polo que ao haber maior competencia abaratase o custe do servizo. A implantación dunha rede propia suponlle unha serie de beneficios á Administración local. Así disporá dun sistema de comunicación municipal que será máis barato, rápido e eficaz. Ao mesmo tempo non dependerá de operadores comerciais e permitirá un importante aforro de custes na partida de comunicacións, como xa se fixo anteriormente coa telefonía móbil, xa que todas las comunicacións internas resultarán gratuítas.

Ademais dótase dunha posible fonte de ingresos xa que podería chegar a acordos de implantación de rede con diferentes operadores do sector e, tamén, dinamizar a implantación de operadores comerciais en ámbitos rurais do municipio, onde os operadores comerciais son habitualmente reticentes a intervir. Ao mesmo tempo ofrece outro tipo de beneficios aos operadores de telecomunicacións como a rapidez do despregue, a durabilidade, a capacidade elevada en fibras ópticas e a ausencia de pago de aluguer da rede, ao tratarse dunha rede propia do Concello.

O Concello de Ames abordou este proxecto a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local. Este proxecto tivo un orzamento base de licitación de 113.879,69 euros, pero a empresa adxudicataria rebaixouno en 4.000 euros. Finalmente tivo un custo de 109.814 euros. Co obxectivo de mellorar o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, tense previsto realizar, nunha segunda fase, unha actuación similar no núcleo do Milladoiro, uníndoa coa de Bertamiráns mediante un enlace de alta capacidade. O goberno en funcións deixa pois a base dunha infraestrutura necesaria e de calidade para a expansión no futuro.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La e-administración llega a Ames por fibra óptica"
El Correo Gallego: "Los edificios públicos de Ames completan su conexión a la fibra óptica"