Pestanas principais

O Concello de Ames coñece as políticas de xuventude de Pontevedra

Sábado, 01 de maio de 2021

O primeiro tenente de alcalde de Ames e concelleiro de Educación, David Santomil, xunto coa concelleira e coa técnica de Mocidade, Escarlata Pampín e Pili Villaverde, mantiveron este venres, 30 de abril, unha xuntanza co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e co concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña. O principal obxectivo da xuntanza foi coñecer as políticas de Xuventude que se están a realizar en Pontevedra, nomeadamente no relativo á programación de actividades formativas que se levan a cabo desde o Local de Música do Concello de Pontevedra.

Este interese vén dado, segundo explicaron durante a reunión, pola planificación que están realizando desde o Goberno municipal amesán para poñer en marcha unha iniciativa similar, para o que se achegaron a Pontevedra co obxectivo de coñecer de primeira man unha experiencia xa en funcionamento e contrastada.

Neste sentido, tanto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, como o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, explicáronlles aos membros do Goberno municipal amesán e á técnica da OMIX de Ames, as liñas básicas de programación coas que se está a traballar desde o Local de Música de Pontevedra e que van dirixidas á formación e mentorización de grupos musicais formados por mozos e mozas e que, en última instancia, lles permite sacar adiante un traballo de gravación que lles facilite a entrada no mercado profesional.

Pola súa banda, David Santomil e Escarlata Pampín explicaron que no concello de Ames xa contan cun local de ensaio, A Factoría, pero que o obxectivo é facer algún tipo de investimento para melloralo e adaptalo ás necesidades que demandan os grupos musicais e os músicos e músicas noveis do concello de Ames.

No marco do encontro de traballo, tamén visitaron o Local de Música e mantiveron unha reunión coa entidade que o xestiona, Xeneme, para coñecer polo miúdo o seu funcionamento e mesmo a adaptación que se está realizando para manter a actividade en liña debido á situación sanitaria.

David Santomil tamén explicou que da poboación do Concello de Ames, o 19,70% corresponde a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, polo que lle conceden unha gran importancia ás iniciativas enfocadas a promover a formación e o ocio activo deste segmento de poboación.

Neste contexto, tamén se interesaron polo funcionamento do programa da Concellaría de Xuventude de Pontevedra, Noites Abertas, actualmente en funcionamento e que tamén se foi adaptando a soportes dixitais e telemáticos atendendo á situación sanitaria deste ano.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames se interesa por las políticas de Pontevedra en materia de Xuventud"

El Correo Gallego: "Educación musical dende o río Lérez para os amesáns"

Imaxe da reunión mantida en Pontevedra

Multimedia

  • A Factoría
  • A Factoría