Pestanas principais

O Concello de Ames condena os casos de violencia machista ocorridos esta pasada fin de semana

Luns, 26 de outubro de 2015

[26-10-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, en repulsa dos dous novos casos de violencia machista que ocorreron esta pasada fin de semana, en especial o acontecido nunha parroquia do concello de Pontevedra. Ademais, o Concello de Ames solidarizase coas familias das mulleres que este ano foron vítimas desta lacra.


Os membros da corporación municipal e os traballadores do Concello de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ao asasinato machista dunha muller en Pontesampaio, a sétima asasinada, pero a oitava vítima da violencia machista este ano en Galiza. Un crime que ven de sumarse a outros tres asasinatos en apenas 48 horas no resto de España. A concentración comezou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas deste lacra.

De seguido, o alcalde de Ames, José Miñones, expresou a súa máis firme repulsa ante estes últimos actos de violencia de xénero. “Son moitas as mulleres asasinadas durante todo este ano, e nestes días tres máis foron vítimas desta lacra que é a violencia machista. Os grupos políticos non podemos quedar impasibles ante estes lamentables sucesos e debemos de empregar todos os medios ao noso alcance para loitar contra a violencia machista”, dixo Miñones.

O rexedor municipal continuou dicindo “temos que previr a violencia de xénero e apoiar e protexer ás vítimas e aos seus fillos e fillas menores; perseguir aos agresores; e sensibilizar á sociedade da necesidade de combater a violencia de xénero deixando atrás séculos de silencio cómplice. Estas son as accións que debemos desenvolver desde as administracións e ademais debemos de facelo xuntos e sen fisuras, e o que é máis importante, sen intentar obter beneficios políticos”.

O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato teléfonos de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941. Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.

Xuntanza coa plataforma feminista galega
Por outra banda, este mércores 28 de outubro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina celebrarase un encontro aberto coa Plataforma feminista galega no que poderán participar todos os veciños e veciñas interesados en coñecer máis a fondo esta entidade. Ademais, neste encontro falarase da Marcha estatal contra as violencias machistas, que se vai desenvolver o vindeiro sábado 7 de novembro en Madrid. Para elo habilitouse unha fila cero e porase a disposición das persoas que queiran acudir a esta macha un servizo de autobuses.

Cómpre lembrar que no pasado pleno de setembro aprobouse por unanimidade unha moción por vía de urxencia, presentada a instancia da Plataforma feminista galega, a prol da marcha estatal contra as violencias machistas que se vai realizar o 7 de novembro. Deste xeito, Ames foi o primeiro Concello en adherirse a esta iniciativa.