Pestanas principais

O Concello de Ames condena os actos de violencia machista rexistrados durante esta fin de semana en Valga, Estepona e Madrid

Luns, 11 de marzo de 2019

[11-03-2019] O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa dos casos de violencia machista que ocorreron durante esta fin de semana en Valga, Estepona e Madrid. Autoridades municipais, traballadores/as e veciños/as gardaron un minuto de silencio en repulsa destes novos actos de violencia machista que elevan o número de mulleres asasinadas polas súas parellas a 12.

Despois das multitudinarias manifestacións do pasado venres con motivo do 8M, a violencia de xénero volver a deixar tres mulleres mortas durante esta fin de semana. Xa son 12 mulleres as que foron asasinadas este ano en toda España, unha delas, María Jesús Aboy, de 43 anos, é a primeira vítima en Galicia durante este ano 2019.

Os membros da Corporación municipal, traballadores/as municipais, e veciños e veciñas de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ante os asasinatos acontecidos esta pasada fin de semana en Madrid, Estepona e no concello de Valga, onde foi asasinada, María Jesús Aboy, de 43 anos. Durante a concentración, que tivo lugar en Bertamiráns e no Milladoiro, gardouse un minuto de silencio en lembranza destas mulleres que foron vítimas desta lacra.

O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller). Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392 . Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destacou que “24 horas despois da xornada do 8M, en 48 horas, outras tres mulleres foron asasinadas vítimas do terrorismo machista en Valga, Estepona e Madrid. Asasinatos machistas que elevan a 12 as vítimas por violencia de xénero no que levamos de 2019 deixando 9 menores orfos. Temos que seguir a denunciar que o machismo mata. Hoxe gardamos un minuto de silencio por María Jesús Aboy e por todas as que faltan”.

Concentración na praza da Maía de Bertamiráns
Por outra banda, hai que destacar que a Plataforma Feminista Galega convocou para este martes, 12 de marzo, ás 20:00 horas, varias concentracións en cidades e localidades galegas baixo o lema Basta de violencia machista! O machismo mata! Un dos lugares onde se vai a desenvolver unha destas concentracións é a praza da Maía, situada en Bertamiráns.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames concéntrase para repudiar os últimos asasinatos machistas"