[06-11-2012] O Concello de Ames quere expresar a súa máis enérxica condena polo suposto asasinato dunha muller de 63 anos ocorrido no municipio coruñés de Narón. A muller foi atopada morta este luns no interior da súa vivenda, xunto ao seu marido, do que estaba en trámites de separación, que tamén foi achado morto no alpendre da devandita casa. Supostamente trátase dun novo caso de violencia de xénero.
O Concello de Ames, a través da Concellaría da Muller, condena este suposto asasinato e trasládalle as súas condolencias aos familiares da vítima e expresa o seu rexeitamento á violencia de xénero.
A Concellaría da Muller lembra que tanto se es vítima de maltrato como se coñeces un caso de violencia de xénero podes poñerte en contacto co teléfono gratuíto 016. Funciona as 24 horas do día e os 365 días do ano e non deixa rastro na factura do teléfono. É absolutamente confidencial.
No 016 ofrécese atención profesional. Neste teléfono, informan sobre que facer en caso de maltrato e, en caso de emerxencia, derivan directamente ao 112. As vítimas ou as persoas que queiran denunciar un caso recibirán información sobre os recursos e os dereitos que teñen en materia de emprego, servizos sociais, axudas económicas, recursos de información, de asistencia e de acollida.




