Pestanas principais

O Concello de Ames condena o crime machista ocorrido onte no municipio pontevedrés de Gondomar

Xoves, 03 de decembro de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do crime machista ocorrido este mércores, 3 de novembro, na parroquia de Mañufe, pertencente ao concello pontevedrés de Gondomar. A vítima deste novo caso de violencia de xénero foi Soledad Rey Valverde, de 59 anos de idade. É a terceira muller asasinada en Galicia en 2020 por violencia machista e a número 42 en España.

Os membros da Corporación municipal, traballadores/as municipais, e veciños e veciñas de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ante o asasinato de Soledad Rey Valverde, de 59 anos de idade. Durante a concentración, que tivo lugar en Bertamiráns e no Milladoiro, gardouse un minuto de silencio en lembranza desta muller que foi vítima desta lacra.

Soledad Rey Valverde é a terceira muller asasinada en Galicia en 2020 por violencia machista e a número 42 en España. Dende o ano 2003 en Galicia mataron a 64 mulleres en actos de violencia de xénero.

O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller). Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392 . Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “poucos días despois da celebración do 25N un novo asasinato machista sacude as nosas vidas. Co asasinato de Soledad en Gondomar xa son 42 as vítimas mortais durante este ano 2020 en España por esta lacra”.

Luísa Feijóo engade “cada vez temos máis clara a necesidade de reclamar medidas reais e efectivas traballando conxuntamente dende todos os ámbitos na educación en valores, na prevención e na sensibilización. Só a educación e con cambios radicais na nosa sociedade, estaremos en disposición de dar pasos reais para avanzar cara a igualdade real entre homes e mulleres. Só cando afrontemos colectivamente que as mulleres somos asasinadas polo feito de selo, que as violencias machistas son un problema estrutural, que nos afecta a todos e todas avanzaremos como sociedade. A loita contra a lacra das violencias machistas non debe encadrarse nunha data concreta, nin nunha acción concreta, debe estar nas nosas axendas os 365 días do ano”.

Minuto de silencio.

Multimedia

  • Minuto de silencio.
  • Minuto de silencio.
  • Minuto de silencio.