[30-01-2017] O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do caso de violencia machista que ocorreu este pasado domingo no concello do Carballiño. Autoridades municipais, traballadores/as e veciños/as gardaron un minuto de silencio en repulsa deste novo acto de violencia machista no que foi asasinada unha muller de 55 anos. Trátase da primeira vítima de violencia de xénero deste ano 2017 en Galicia.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destacou que “hoxe realizamos concentracións en Bertamiráns e no Milladoiro para rexeitar a lacra da violencia de xénero e o primeiro asasinato machista que se produciu en Galicia neste ano 2017. Sabemos que gardar un minuto de silencio non é a solución a este problema. Son necesarios máis recursos económicos e de persoal, pero sempre que poidamos achegar un gran de area, aí estaremos en contra das violencias machistas”. Luísa Feijóo lembrou que “existe un teléfono da muller, 016, a onde poden chamar as mulleres ou calquera persoa que coñeza algún tipo de caso de maltrato para denunciar este tipo de situacións. Outra opción é poñerse en contacto co CIM, que atende tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro”.
Os membros da corporación municipal e os traballadores do Concello de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ante o asasinato acontecido esta pasada fin de semana no municipio do Carballiño e no que mataron a unha muller de 55 anos. A concentración, que tivo lugar en Bertamiráns e no Milladoiro, comezou cun minuto de silencio en lembranza desta muller que foi vítima deste lacra. Ademais, as persoas que participaron nesta concentración portaron unha pancarta na que se podía ler o lema “Contra as violencias machistas”.
O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller). Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392 . Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.




