Pestanas principais

O Concello de Ames condena o acto de violencia de xénero que provocou o asasinato dun rapaz de 11 anos

Mércores, 10 de maio de 2017

[10-05-2017] O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do asasinato dun neno de 11 anos, que presuntamente se enmarca nun caso de violencia machista, xa que o presunto asasino é o pai do rapaz. Autoridades municipais, traballadores/as e veciños/as gardaron un minuto de silencio en repulsa deste novo acto de violencia machista. Trátase do quinto neno/a que é vítima de violencia de xénero durante este ano en España.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, recalcou que “hai que por fin a esta lacra da violencia machista dunha vez. En moitas ocasións emprégase aos fillos e fillas para facerlle dano ás mulleres e iso non pode ser. Nesta loita debemos estar non só nestes actos senón tamén reclamando políticas efectivas, e máis medios, tanto económicos como de persoal. Sempre que poidamos achegar un gran de area, aí estaremos en contra das violencias machistas”.

Asemade, Luísa Feijóo lembra que “na loita contra todas as manifestacións de violencia debemos estar todos e todas, e sempre que sexamos conscientes ou coñezamos algún acto deste tipo, debemos actuar e poñelo en coñecemento de quen corresponda. Lembrar tamén que existe un teléfono da muller, 016, a onde poden chamar as mulleres ou calquera persoa que coñeza algún tipo de caso de maltrato para denunciar este tipo de situacións. Outra opción é poñerse en contacto co CIM, que atende tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro”.

Os membros da corporación municipal e os traballadores do Concello de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ante o asasinato acontecido esta pasada fin de semana no municipio de Oza-Cesuras e no que mataron a un rapaz de 11 anos. A concentración, que tivo lugar en Bertamiráns e no Milladoiro, comezou cun minuto de silencio en lembranza deste neno que foi vítima deste lacra.

O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller). Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392 . Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.