Pestanas principais

O Concello de Ames condena o acto de violencia de xénero que ocorreu o pasado xoves en Marín

Luns, 30 de decembro de 2013

[30-12-2013] Os membros da Corporación amiense e os traballadores do Concello de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ao suceso ocorrido o pasado xoves en Marín no que unha muller de 45 anos morría supostamente por violencia de xénero. Os sucesos tiveron lugar o pasado xoves 26 de decembro. Isabel Pérez Fraga apareceu morta no seu domicilio. Supostamente o autor do homicidio era a súa parella sentimental.

O Concello de Ames sumouse as diferentes concentracións que se realizaron este luns para condenar o acto de violencia de xénero que ocorreu o pasado xoves, 26 de decembro, en Marín. A vítima foi atopada na súa vivenda e presentaba síntomas de asfixia, numerosas contusións en todo o corpo e un golpe na cabeza. Segundo a información facilitada por fontes do Corpo Nacional de Policía, o venres pola noite foi detido un home, que mantiña dende hai catro meses unha relación sentimental coa vítima, como presunto responsable do homicidio.

Dende o Concello de Ames maniféstase a máis firme repulsa ante este último acto de violencia de xénero. O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e outros concelleiros/as da corporación municipal participaron nunha concentración contra este acto de violencia de xénero na que se gardou un minuto de silencio en recordo de Isabel Pérez Fraga. Nesta concentración tamén participaron varios traballadores municipais.