Pestanas principais

O Concello de Ames condena o acto de violencia de xénero que acabou coa vida dunha muller de Vilaboa

Mércores, 26 de febreiro de 2014

[26-02-2014] Os membros da Corporación amiense e os traballadores do Concello de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ao acto de violencia de xénero que acabou coa vida dunha muller de Vilaboa. Diante da casa consistorial en Bertamiráns, os asistentes á concentración gardaron un minuto de silencio en sinal de condena ao acto de violencia de xénero e en lembranza da vítima.

Deste xeito, o Concello de Ames sumouse ás diferentes concentracións de condena que se realizaron este mércores por este feito, que supón a segunda morte por violencia de xénero rexistrada este ano en Galicia. Este acto de violencia de xénero custoulle a vida a María Luísa Jiménez Jiménez, de 37 anos, que desaparecera hai uns días en Vilaboa (Pontevedra) e cuxo cadáver foi atopado o martes nas inmediacións do aeroporto de Lavacolla.

Dende o Concello de Ames maniféstase a máis firme repulsa ante este último acto de violencia de xénero. O alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín; o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, o concelleiro de Urbanismo, Alfredo Taboada, e os edís Isabel González, Francisco Villaverde, Pilar Candocia e Manuel Ferreiro participaron na concentración contra este acto de violencia de xénero, na que se gardou un minuto de silencio. Nesta concentración tamén participaron varios traballadores municipais.