[26-09-2013] A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou esta mañá a concesión da licenza municipal de obras e de instalación de actividade para a cidade deportiva que o Real Aero Club de Santiago instalará na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro. Con este trámite, que inclúe os informes favorables dos servizos técnicos e xurídicos do departamento municipal de Urbanismo, o Real Aero Club xa pode dar inicio ás obras de construción de dita cidade deportiva. En total, o presuposto de execución material do proxecto ascende a 1.915.620,00 euros.
A parcela na que se instalará a cidade deportiva conta cunha superficie total de 629.801 metros cadrados. A maior parte desta superficie está ocupada por un campo de golf, formado por 18 hoyos. Tamén se atopa xa edificada unha nave de mantemento para albergar a maquinaria de servizo do campo e unha marquesina aberta para a realización de prácticas de golf.
Segundo o proxecto de execución das edificacións e instalacións deportivas deste complexo, instalarase o edificio da Casa Club, que contará cunha superficie construída de 568,50 metros cadrados e un porche perimetral de 325,75 metros cadrados. Este edificio contará cun restaurante que disporá dunha zona de cafetería e, ademais dos espazos de cociña, aseos, almacéns e outros de servizo, cun salón social.
Ademais, a cidade do Real Aero Club de Santiago contará cunha superficie de 4.673,48 metros cadrados destinados ás pistas deportivas cubertas. En total, disporá de catro pistas de pádel e catro de tenis. Por último, outros 1.199,58 metros cadrados irán destinados ás piscinas. A cidade deportiva contará con dúas piscinas (de 25x12,5 m e de 12,5x10m) e cunha lámina de auga infantil de 6 metros de diámetro.
A cidade deportiva tamén disporá dun edificio de servizos, que terá unha superficie construída de 982,05 metros cadrados e espazos exteriores de 385,05 metros cadrados. O edificio de servizos, colindante ás pistas, está composto polos espazos auxiliares aos usos deportivos principais (golf, pistas deportivas e as piscinas) e destinado sobre todo a vestiarios, aseos, almacéns e instalacións.
Elemento dinamizador
O alcalde de Ames, Santiago Amor, deulle traslado deste acordo ao presidente do Real Aero Club, Juan Cuevas e destacou a importancia da concesión desta licenza para a cidade deportiva, que definiu como “un proxecto que situará a Ames no mapa deportivo, aumentando a proxección do noso municipio, e será un elemento dinamizador da zona”. O rexedor tamén destacou que, ademais, desde o Concello “estanse buscando fórmulas de colaboración coa directiva do Real Aero Club para achegar aos nenos e nenas de Ames a este deporte”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Concello da el visto bueno a la ciudad deportiva del Aero Club"
El Correo Gallego: "Ames concédelle a licenza de obras e de instalación de actividade á cidade deportiva"