Pestanas principais

O Concello de Ames concede 60.000 euros a dez entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro

Venres, 15 de xullo de 2022

A Xunta de Goberno Local celebrada o 7 de xullo vén de aprobar a concesión de axudas para o exercicio 2022 a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social. Un total de dez entidades recibirán 60.000 euros para promover os seus proxectos, que serven de complemento aos servizos sociais municipais, e que favorecen a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral.

Arcea Adames, a Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, Caritas Diocesana de Ortoño e Caritas Diocesana do Milladoiro, Igaxes 3, AGASOL, Fundación Pictoaplicaciones, ACOUGO, ALCER e a Asociación Amigos do Camiño Portugués son as dez entidades beneficiarias das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que o Concello de Ames vai conceder neste exercicio 2022. Trátase dunha entidade máis que no ano 2021, e tamén de tres proxectos promovidos máis, uns dezasete, que inclúen propostas formativas, axudas ao alugueiro ou a cobertura doutras necesidades básicas.

O importe total da liña de subvencións era de 60.000 euros, ao igual que en 2021, da cal se consumiu a práctica totalidade dos fondos, xa que se repartirán 59.999,27 euros. Agora, para percibir a cantidade íntegra da axuda, as entidades deberán xustificar un gasto polo importe total do proxecto presentado. No caso de que as actuacións se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2022, as entidades deberán xustificar o seu gasto antes do 31 de xullo. Por outra banda, se os proxectos van ser realizados e aboados entre o 1 de xullo e o 30 de novembro de 2022, deberán realizar á xustificación antes do 10 de decembro.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, quixo salientar “o aumento progresivo das entidades que se presentan e a gran calidade dos seus proxectos”, recordando que estas dez asociacións “non son nin de lonxe todas coas que habitualmente traballamos dende a área de Benestar Social”. Ademais, a concelleira aproveitou para agradecer o labor destas entidades, “coas que podemos chegar a máis persoas”.

Dez entidades e dezasete proxectos no ano 2022

A concesión das axudas repartiuse entre dez entidades e dezasete proxectos. Deste xeito, a Arcea Adames correspóndenlle 9.654,39 euros, para os proxectos “Autonomía persoal” e “Educación emocional e intervención en comunicación en linguaxe”, centrados na formación e na capacitación persoal das persoas con discapacidade intelectual. Pola súa banda, á Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (APSSC) concedéronselle 3.396,92 euros, dedicados a cubrir gastos de persoal de interpretación de linguaxe de signos.

Á Delegación de Caritas Diocesana Santiago Parroquial de Ortoño correspóndenlle 8.581,69 euros, que dirixirá a axudas económicas para alugueres e outras necesidades básicas. Pola súa parte, Caritas Diocesana Santiago Parroquial de Milladoiro presentou tres proxectos, “AcompañamosT”, “ARETE” e “Fogares con futuro”, pensados para cubrir necesidades básicas, gastos correntes non amortizables e o mantemento da vivenda, para os que se lles concederon un total de 13.677,06 euros.

Uns 7.330,18 euros correspóndenlle á ONG Igaxes 3, para os seus proxectos “Competencias familiares” e “Escola de vida”, centrados en garantir o futuro da infancia e da mocidade. A asociación AGASOL, que promove o software libre, poderá recibir 4.827,20 euros para a súa recentemente aberta Oficina de voluntariado informático, co seu Banco de reciclaxe electrónico, situados no antigo centro de saúde do Milladoiro. Ademais, a Fundación Pictoaplicaciones, que traballa na accesibilidade e na inclusión das persoas con trastornos de comunicación, poderá contar con 3.933,27 euros para o seu proxecto “A Pandilla Pictoaplicacións traballa”.

Por outra banda, á asociación ACOUGO concedéronselle 3.827,20 euros para un curso de formación e o proxecto “Familias Plus”, centrados no acollemento familiar. A entidade ALCER poderá recibir 1.642,62 euros, para información e orientación e para o proxecto “ALCER – 7 vidas”, unha campaña de sensibilización e promoción da doazón e transplante de ril. Por último, á Asociación Amigos do Camiño Portugués correspóndenlle 3.128,74 euros, para o seu proxecto “A túa pegada”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames aporta 60.000 euros a diez entidades para 17 proyectos de interés social"

El Correo Gallego: "Subvencións a dez entidades sociais sen ánimo de lucro"

Imaxe das oficinas de servizos sociais do Milladoiro