Pestanas principais

O Concello de Ames comeza a renovar o parque móbil da brigada de obras

Mércores, 22 de febreiro de 2017

[22-02-2017] O Concello de Ames está renovando o parque móbil da brigada de obras. O obxectivo é ir cambiando os vehículos deste departamento municipal, que na maioría dos casos contan con máis de vinte anos de antigüidade. Así, dotouse aos xardineiros dunha nova furgoneta e aos electricistas dun novo camión con grúa e cesta, que era moi necesario dentro da brigada xa que se carecía dun vehículo propio destas características. O alcalde, José Miñones, e o concelleiro de Obras Públicas, Blas García, estiveron na nave da brigada de obras vendo os novos vehículos.

O goberno municipal pretende ir cambiando pouco a pouco os vehículos do parque móbil da brigada de obras xa que a maioría deles teñen máis de vinte anos de antigüidade. Seguindo esta liña de traballo acaban de adquirir unha furgoneta Dacia, modelo Dokker, despois de optar pola oferta económica máis vantaxosa que era de 12.000 euros. Esta furgoneta conta con gancho para remolque e barras para levar material no teito. O vehículo foi adquirido con fondos propios do Concello. O goberno ten dous obxectivos claros neste eido. O primeiro é ir renovando estes vehículos durante o actual mandato. O segundo é adquirilos en propiedade (na actualidade a maioría están en alugueiro) o que ocasionaría un menor custo a longo prazo.

Por outra banda, o departamento de Obras pasa a dispor dun camión con grúa e cesta, para que os electricistas poidan realizar traballos en altura. Trátase fun vehículo moi necesario xa que ata o de agora non había un vehículo destas características na brigada de obras. O que existía anteriormente era moi antigo (non estaba homologado e non cumpría coa normativa vixente en prevención de riscos laborais). Este vehículo, que é de segunda man, foi adquirido sen custe algún debido á finalización do contrato mantido con Urbaser.

Ademais, coa adquisición deste novo camión conseguirase un importante aforro xa que para realizar traballos en altura había que contratar a empresas externas. Agora, con este novo vehículo moitos deses traballos poderán ser executados polos electricistas municipais o que ocasionará un aforro para as arcas municipais. Para paliar a deficiencia deste vehículo, o goberno municipal chegou a un acordo a comezos do actual mandato coa empresa Urbaser, para en función das necesidades, dispor dun camión con grúa e cesta, unha vez á semana.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames renueva el parque móvil de la brigada municipal de obras"