Pestanas principais

O Concello de Ames comeza a executar as obras de tres camiños situados no Milladoiro, Castiñeiro de Lobo e Covas que contan cun orzamento de 53.500 euros

Martes, 03 de xuño de 2014

[03-06-2014] O Concello de Ames, a través do programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014, vai executar tres obras no Milladoiro, en Castiñeiro de Lobo e en Covas. Este proxecto ten o obxectivo de mellorar as infraestruturas vinculadas a servizos básicos nas áreas rurais e deste xeito contribuír a mellorar a calidade de vida dos habitantes dos núcleos rurais amienses. Esta mañá o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada, achegáronse ata o Milladoiro para comprobar o inicio das obras no camiño que está detrás da Escola infantil As Figueiras e do cuartel da Garda Civil do Milladoiro e que remata no límite do concello con Vilar de Calo. Coa execución desta obra o concello de Ames disporá dun novo viario, que conectará os municipios de Ames e Teo.

Este plan recolle tres actuacións no termo municipal de Ames. A primeira actuación estase realizando nun camiño que se atopa detrás da Escola infantil As Figueiras e do cuartel da Garda Civil do Milladoiro e que remata no límite do concello con Vilar de Calo, que xa pertence ao concello veciño de Teo. Esta obra comezou a executarse este martes, 3 de xuño, pola mañá. Ata este lugar desprazáronse o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada, para comprobar que os traballos comezaron correctamente.

Esta obra abrangue a mellora da capa de rodaxe do devandito camiño. Esta actuación executarase nun tramo do camiño de 280 metros de longo por 5 metros de ancho. Procederase á limpeza das gabias que hai en ambas as marxes da vía e a continuación repoñerase o firme con quince centímetros de pedra e tripla rega asfáltica. Finalmente, executaranse dous treitos de 50 metros lineais cada un de gabia de formigón para recoller a auga cando chove e que non volva a danar o firme do camiño.

Segundo explicou o alcalde de Ames, Santiago Amor, “esta obra é moi necesaria porque o firme deste camiño estaba moi danado debido á auga que escorregou por el durante todo o inverno. Agora o que se vai facer é recoller a auga polas gabias do camiño para que non volva a danar o firme e, ademais, vaise a arranxar o firme para que quede en perfectas condicións tanto para o tránsito peonil coma de vehículos”.

O rexedor municipal destacou que “coa execución desta obra o concello de Ames disporá dun novo viario, que conectará os municipios de Ames e Teo. Ademais, estamos buscando financiamento para arranxar un novo camiño que conectaría o lugar de A Agrela, pertencente á parroquia de Biduído, e o lugar de Reborido, que pertence ao concello de Teo”.

Arranxo de camiños en Castiñeiro de Lobo e Covas
Outra das actuacións que se executarán dentro deste programa é a obra de arranxo dun camiño que vai dende Castiñeiro de Lobo ata Os Laranxos. Neste caso a actuación abrangue unha distancia de 840 metros, que está dividida en catro treitos diferentes. Neste caso procederase á limpeza das gabias que se atopan en ambas marxes da vía e vaise mellorar a capa de rodaxe coa aplicación dun tratamento asfáltico superficial o co correspondente rego de selado en todo o firme. Previamente, repararanse as fochancas e perfilaranse as mordente ó 15% da superficie con pedra e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, procederase á sinalización vertical coa colocación dunha sinal de stop.

A terceira e última actuación realizarase nun camiño que vai dende o lugar de Capeáns ata Pousada, en Covas. Neste caso a obra executarase nun tramo de 780 metros de lonxitude que está divido en dous treitos diferentes. Para elo procederase á limpeza das gabias en ambas marxes da vía e mellorarase a capa de rodaxe aplicándolle un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a todo o firme do camiño. Previamente, haberá que reparar as fochancas e perfilaranse as mordente ó 15% da superficie con pedra e tratamento asfáltico semiprofundo.

O presuposto co que se conta para a execución destas tres obras ascende á contía de 53.509,83 euros (incluído o IVE).



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames mellora un vial para permitir outra conexión do Milladoiro e Vilar de Calo"