Pestanas principais

O Concello de Ames colaborou co IES Milladoiro mediante diversas actuacións requiridas polo centro desde a súa apertura

Venres, 29 de maio de 2015

[29-05-2015] O Concello de Ames mantén contactos coa Consellería de Educación para abordar as demandas do IES do Milladoiro, que segundo informa o goberno municipal en funcións, se están a estudar e valorar na actualidade. O alcalde en funcións, Santiago Amor, lembra ademais que xa hai unhas semanas tamén despachou as demandas do centro co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana.

Santiago Amor explica que a Consellería se fixo cargo recentemente dunha factura de 4.500 euros que lle correspondía pagar ao propio centro, “co fin de que o instituto puidese destinar esa cantidade a outras necesidades”, agrega. “O compromiso do Concello co IES Milladoiro amósase –segundo suliña Amor– no acondicionamento de accesos, diversas intervencións tanto no seu interior coma no entorno, así como en programas de reforzo educativo e prevención de drogodependencias”.  

Por outra parte, Amor lembra que no último pleno se aprobou por unanimidade o proxecto para rematar a urbanización da rúa que discorre pola traseira do instituto, obra valorada en 145.000 euros, que conecta coa estrada que baixa a Ventín, logo de que o Concello investise preto de 70.000 euros na primeira fase do acondicionamento do acceso rodado nesa parte. “E fixemos a finais do ano pasado –engade– unha rampa de acceso, ademais de diversas obras de soldadura e pintura, desbroces e tala de eucaliptos, instalación de mobiliario urbano, mellora do entorno, que revelan a nosa preocupación polo centro”.  

O IES do Milladoiro iniciou a súa actividade docente no curso 2013-14 e, en virtude do convenio asinado entre o Concello e a Consellería, a Administración municipal realizou daquela obras por valor de 43.000 euros, referidas a abastecemento e canalizacións, instalacións eléctricas e beirarrúas, entre outras actuacións.