Pestanas principais

O Concello de Ames colaborará de forma máis eficiente cos clubs deportivos do municipio para o desenvolvemento das Escolas Deportivas, que manterán a calidade do servizo cun aforro do 34 por cento

Sábado, 03 de marzo de 2012

[03-03-2012] O Concello de Ames levará a cabo unha reorganización da súa colaboración cos clubs deportivos do municipio para desenvolver o funcionamento das Escolas Deportivas cunha xestión máis eficiente, mantendo a calidade do servizo e o número de usuarios cun aforro para as arcas municipais dun 34 por cento. Deste xeito, a través da Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado asinaranse tres contratos administrativos especiais que permitirán que os clubs Bertamiráns F.C, Milladoiro S.D. e Club Voleibol Bruxas desenvolvan o seu labor na tempada 2011-2012 por un importe total de 58.988 euros.

En detalle, na nova organización planificada pola Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado prevese destinar 32.492 euros ao Bertamiráns F.C., 21.340 euros ao Milladoiro S.D. e 5.156 euros ao Club Voleibol Bruxas. A cantidade resultante (58.988 euros) supón unha rebaixa do 33,92 por cento respecto á tempada 2010-2011, na que o Concello de Ames tivo que sufragar pagamentos por valor de 89.263 euros polo servizo prestado polo Bertamiráns F.C. e Milladoiro S.D para desenvolver o servizo das Escolas de Fútbol Sala. Hai que salientar que a previsión de gasto para a tempada 2011-2012 permitirá incluír como novidade os servizos do Club Voleibol Bruxas, que no pasado exercicio non se beneficiou de ningunha subvención pública.

Con esta reorganización, enmarcada na racionalidade e no control do gasto público, o Concello de Ames dá continuidade ao seu compromiso de colaboración cos dous clubs de maior base e infraestrutura existentes no Concello, Bertamiráns F.C. e Milladoiro S.D., situados nos grandes núcleos de poboación municipal co fin de coordinar as actividades do fútbol de base. Do mesmo xeito, preténdese que a escola deportiva municipal de voleibol se leve a cabo a través do Club Voleibol Bruxas, entidade que hoxe en día conta cun total de cinco equipos en competición e que, xunto coa sección de voleibol do Bertamiráns F.C. pretenden ser un referente deste deporte a nivel comarcal.