[28-07-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, mantiveron unha xuntanza con membros do Consello de Contas de Galicia onde lle comunicaron aos membros do goberno municipal que a entidade fiscalizadora vai revisar as contas municipais do exercicio 2013. Este traballo enmárcase dentro do Plan de Traballo para 2015 do Consello de Contas de Galicia. O rexedor municipal amosou a "total colaboración do Goberno municipal para que o Consello de Contas realice o seu traballo".
O Consello de Contas de Galicia vén de remitirlle unha comunicación ao Concello de Ames no que se informa de que o Pleno desta entidade, dentro do seu Plan de Traballo para 2015, acordou a fiscalización de regularidade contable que se realizará sobre as contas anuais ou os estados contables do Concello de Ames, e incluirá a revisión do cumprimento da normativa aplicable nas áreas seleccionadas para a fiscalización en función dos riscos detectados -orzamento, ingresos de dereito público, endebedamento e operacións financeiras, persoal, contratación de obras, servizos e subministracións ou concesión de subvencións-.
Segundo se indica no relatorio remitido ao Concello, a auditoría contable incluirá a revisión do orzamento, da liquidación e da conta xeral do exercicio 2013. Tamén se fiscalizará o sistema contable, o control interno e a xestión orzamentaria. Así, analizaranse cuestión como modificacións orzamentarias, recoñecemento extraxudicial de créditos, xestión tributaria, transferencias recibidas (do Estado e do Fondo de Cooperación Local), subvencións outorgadas, cargos electos, persoal (funcionario e laboral), contratación e endebedamento financeiro.
O traballo de fiscalización completarase co estudo das magnitudes da liquidación do orzamento do exercicio 2013: resultado orzamentario, aforro neto, saldo non financeiro e remanente de tesouraría (fondos líquidos, dereitos pendentes de cobro e obrigas pendentes de pago).
O rexedor municipal, José Miñones, explica que “o Consello de Contas de Galicia, dentro do Plan de Traballo para 2015, acordou realizar desta vez a súa fiscalización selectiva entre concellos con poboacións entre 25.000 e 100.000 habitantes. Empregan un sistema rotativo para elixir os concellos nos cales realizan as auditorías contables e tendo en conta a información relativa a acordos contrarios aos reparos formulados pola intervención, no que Ames presentou 31 reparos durante o ano 2013, así como en función dos recoñecementos extraxudiciais de crédito, na que o noso Concello supera lixeiramente a media de 3,34% cun valor do 4,03%”. Por último, o rexedor municipal amosou a "total colaboración do Goberno municipal para que o Consello de Contas realice o seu traballo".
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Consello de Contas hará una auditoría del ejercicio contable del 2013 de Ames"
El Correo Gallego: "El Consello de Contas realizará una auditoría del ejercicio 2013 en Ames"




