[27-05-2016] A Semana sen Fume é unha iniciativa da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria, apoiada polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. O Concello de Ames, como membro da Rede Española de Cidades Saudables, participa dela difundindo información sobre o propósito principal desta campaña: informar das propiedades perniciosas do tabaco sobre a saúde.
Este ano lévase a cabo a XVIIª edición desta campaña que promove os espazos libres de fume. O día 31 de maio celébrase o Día Mundial Sen Tabaco. A Semana sen Fume difunde nos días previos a esta data material; carteis ou dípticos informativos para entregar á poboación. En Ames pódese atopar, por exemplo, nos centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro, nas farmacias, nas Casas da Cultura e nas oficinais municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Este ano inclúese ademais o material “Decídete a deixar de fumar”, dirixido ás persoas fumadoras, xa se plantexen ou non deixar este hábito.
A campaña do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade quere ademais ofrecer orientación a quen queira deixar de fumar, animando ás persoas consumidoras a acudir aos centros de Atención Primaria máis próximos para solicitar axuda, divulgar a importancia do empaquetado xenérico e sensibilizar acerca dos perigos do tabaquismo pasivo en nenos e nenas pequenos e en adolescentes, tanto para a súa saúde actual como para a futura.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Campaña para abandonar o hábito de fumar ao abeiro da Semana sen Fume"




