Pestanas principais

O Concello de Ames colabora con Nós TV na elaboración dun documental polo centenario de Seminario de Estudos Galegos

Sábado, 15 de abril de 2023

O Concello de Ames colabora con Nós TV na elaboración dun documental polo centenario do Seminario de Estudos Galegos que se conmemora este ano 2023. O concelleiro de Educación e Patrimonio Histórico, David Santomil, e maila concelleira de Cultura, Natividade González, visitaron ás instalacións de Nós TV, situadas no parque empresarial do Milladoiro, para interesarse por dito proxecto. Tamén se colabora co Consello da Cultura Galega na programación de dito centenario e o Concello vai a elaborar unha programación específica e colaborará con outras institucións para conmemorar dito centenario.

O primeiro artigo científico de tipo técnico escrito en lingua galega pertence ao Seminario de Estudos Galegos, unha institución que puxo en valor a nosa cultura e que neste 2023 cumpre 100 anos. A súa creación iniciase na casa do galeguista Antón Losada Diéguez, situada en Pontevedra, baixo o nome de Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas. Pouco a pouco fóronse sumando intelectuais e o 12 de outubro de 1923, galeguistas, estudantado e profesorado da Universidade de Santiago de Compostela reuníronse en Ortoño, no concello de Ames, e idearon o Seminario de Estudos Galegos.

Profesorado, alumnado, intelectuais galeguistas e as elites locais que compuñan o Seminario de Estudos Galegos buscaban o estudo de todas as manifestacións da cultura galega impulsando a formación do persoal investigador e divulgando o resultado dos seus traballos a través da Editorial Nós e da prensa afín ao galeguismo. Esta institución chegou a reunir a máis de 400 socias e socios protectoras e elaborou no Colexio de Fonseca unha importante biblioteca e un pequeno museo no que estaban expostas as súas coleccións arqueolóxicas, etnográficas e artísticas.

Con motivo da conmemoración de dito centenario Nós TV está elaborando un documental sobre a histórica creación en Ames do Seminario de Estudos Galegos. O Concello de Ames colabora na elaboración de dito documental, polo que o concelleiro de Educación e Patrimonio Histórico, David Santomil, e maila concelleira de Cultura, Natividade González, visitaron ás instalacións de Nós TV, situadas no parque empresarial do Milladoiro, para interesarse por dito proxecto.

Trátase dunha reportaxe documental composta por entrevistas a historiadoras que nos situarán no contexto da época e no transcurso dos acontecementos relacionados co Seminario, xunto as entrevistas a institucións que mantiveron vínculo co Seminario.

Contarase coas achegas de Alfonso Mato Domínguez, historiador e documentalista galego autor da obra “O Seminario de Estudos Galegos na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento”; Ofelia Rey Castelao, historiadora e profesora universitaria especializada na historia das mulleres sendo unha das súas ramas a inserción das mulleres galegas na cultura letrada; Uxío Breogán Diéguez, historiador especializado nas Irmandades da Fala e o nacionalismo galego; Francisco Díaz-Fierros, presidente do Novo Seminario de Estudos Galegos e referente do Consello da Cultura Galega.

Por outra banda, o Concello de Ames colabora co Consello da Cultura Galega na programación de dito centenario que foi presentada o pasado 22 de marzo. Dita programación está composta por un congreso científico, diferentes exposicións, numerosas conferencias, varias publicacións, múltiples rutas e outros recursos materiais. Esta variada programación está organizada por unha ducia de entidades vencelladas ao Seminario de Estudos Galegos.

Ademais, cómpre lembrar que no pleno ordinario celebrado o 26 de xaneiro deste ano a Corporación municipal aprobou por unanimidade unha declaración institucional sobre o centenario da fundación en Ortoño do Seminario de Estudos Galegos. O Concello de Ames vai a elaborar unha programación específica e colaborará con outras institucións para conmemorar dito centenario.

Imaxe da visita ás instalacións de Nós TV

Multimedia

  • O Concello de Ames colabora con Nós TV na elaboración dun documental polo centenario de Seminario de Estudos Galegos