Pestanas principais

O Concello de Ames colabora con Let Padel nunha iniciativa deportiva destinada ás mulleres

Venres, 20 de setembro de 2013

[20-09-2013] O Concello de Ames colabora coa empresa Let Padel Ames na posta en marcha dunhas xornadas de iniciación ao pádel para mulleres. Entre o 23 e o 27 de setembro as mulleres amienses poderán acudir ás instalacións que ten esta empresa en Firmistáns para practicar un dos deportes que está en auxe, o pádel. Para participar nesta iniciativa é preciso reservar praza chamando aos números de teléfono 981 548 791/655 938 125 ou enviando un correo electrónico ao enderezo info@letpadelames.es.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes e Igualdade, María Eugenia Martín, achegáronse esta mañá ata as instalacións de Let Padel Ames, situadas en Firmistáns, onde se reuniron co xerente da empresa, Miguel Martínez de Orense. A colaboración supón a posta en marcha dunhas xornadas de iniciación ao pádel, que están dirixidas ás mulleres amienses, para que coñezan e practiquen este deporte que nos últimos tempos está en auxe. 

Tras a reunión, a concelleira de Deportes e Igualdade, María Eugenia Martín, explicou que esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Ames e enmárcase dentro das actividades que se están ofertando para as mulleres amienses. María Eugenia Martín destacou que “este ano ampliouse a oferta deportiva para a poboación feminina. A través desta iniciativa preténdese fomentar o deporte feminino”. 

Tanto o alcalde como a concelleira fixeron fincapé en que “a posta en marcha deste programa supón o inicio de máis colaboracións no futuro co obxectivo de impulsar a actividade deportiva dos veciños e veciñas amienses”. Let Padel Ames é o maior club de pádel indoor de Galicia, cunha superficie total que ronda os 3.200 m2 construídos e preto de 4.000 m2 exteriores, conta con 8 pistas de pádel indoor, sendo unha delas panorámica, a primeira de Galicia.

Con esta iniciativa preténdese que ás mulleres se inicien na práctica deste deporte. Para elo, ofréceselles dúas horas gratis de clase. Non é importante o nivel físico, nin o nivel técnico das participantes. Soamente é preciso ter gañas de aprender e pasar un anaco de tempo agradable con amigas ou outras persoas que comparten o mesmo interese por este deporte. Ademais de fomentar a práctica do deporte este é un bo xeito de coñecer xente.

Para participar é preciso reservar praza chamando aos números de teléfono 981 548 791/655 938 125 ou enviando un correo electrónico ao enderezo info@letpadelames.es.