Pestanas principais

O Concello de Ames colabora con ANEDIA tinguindo de azul a Casa do Concello con motivo do Día Mundial da Diabetes

Venres, 14 de novembro de 2025

Hoxe 14 de novembro conmemórase o Día Mundial da Diabetes. Co gallo deste acontecemento o Concello de Ames colabora con ANEDIA tinguindo de azul a Casa do Concello e dándolle visibilidade a dita enfermidade que ano tras ano segue aumentando a súa incidencia.  As accións complétanse coa difusión nas redes sociais municipais de dita celebración.

Os obxectivos das accións que organiza o Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, co gallo do Día Mundial da Diabetes, son visibilizar a enfermidade, suliñar a necesidade de seguir investigando en tratamentos que melloren a vida dos doentes e conseguir que a cidadanía se conciencie da necesidade de adoptar hábitos de vida saudable que preveñan a enfermidade e facer revisións que permitan detectala a tempo.

O día mundial da diabetes é o 14 de novembro. Ata o descubrimento da insulina todas as persoas con diabetes tiñan unha morte asegurada, co seu descubrimento todo cambiou, e a partir de aí, aínda que non existe de momento unha cura, si existe un tratamento. Un ano máis o obxectivo de dita celebración e darlle visibilidade a dita enfermidade.

O Concello de Ames desenvolverá unha serie de accións en colaboración con ANEDIA. Deste xeito, a Casa do Concello tinguiuse de luz azul dende a tarde do xoves 13 ata o sábado 15 pola mañá. As accións completaranse coa difusión nas redes sociais municipais de dita celebración.

Asociación ANEDIA
ANEDIA (Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia) dá soporte á diabetes tipo 1, unha enfermidade crónica e autoinmune, coa que conviven máis dun milleiro de alumnos dos centros educativos galegos e varios miles de galegos e galegas. ANEDIA lembra que esta é “unha enfermidade que ano tras ano segue aumentando a súa incidencia”.

Baixo o lema “Vivir con Diabetes”, ao longo de todo o mes de novembro ANEDIA está  organizando encontros, charlas, mesas redondas e accións divulgativas en diferentes cidades galegas, coa colaboración de profesionais sanitarios, investigadores e persoas que conviven coa diabetes no seu día a día.

Ademais, durante este mes estanse repartindo pegatinas do Día Mundial da Diabetes en hospitais e centros de saúde de toda Galicia, e organízanse actividades educativas en centros escolares para promover o coñecemento e a empatía arredor da diabetes tipo 1.

O Concello de Ames colabora con ANEDIA tinguindo de azul a Casa do Concello con motivo do Día Mundial da Diabetes