[25-04-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a presidenta da Asociación Cultural A Silva, Carmen Salgado, asinaron recentemente un convenio de colaboración para a celebración do VI Encontro de Bolillos e Labores Artesanais. Esta cita terá lugar no pavillón do Milladoiro o vindeiro 7 de xuño e a ela está previsto que acuda preto de medio milleiro de persoas de toda Galicia.
A través desta xuntanza preténdese revalorizar os traballos tradicionais realizados con fío, promovendo a súa transmisión e fomentando o intercambio de coñecementos en torno ás diferentes técnicas empregadas. O rexedor local destaca que este tipo de encontros “favorecen a divulgación da cultura e a conservación das nosas tradicións” e sinala que a alta participación neste evento “representa un importante impacto económico para O Milladoiro e trae consigo repercusións positivas para o comercio e o turismo do concello”.
Dende a Asociación Cultural A Silva explican que no Encontro de Bolillos e Labores Artesanais de Ames, os asistentes poden amosar as súas creacións con encaixe, bordado, calceta, punto de cruz… e mesmo establecer relacións comerciais ou poñer en común proxectos de negocio. A actividade desenvolverase de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas. Os interesados poderán inscribirse a través dos teléfonos 607 769 830 e 881 972 586 ou no enderezo asociacionasilva@gmail.com. O prazo finaliza o 30 de maio.




