Pestanas principais

O Concello de Ames colabora coa Asociación Española contra el Cáncer na celebración dunha iniciativa informativa que terá lugar este sábado no centro comercial Novo Milladoiro

Xoves, 06 de febreiro de 2014

[06-02-2014] O Concello de Ames, a través da Concellería de Sanidade, e a Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) organizaron para este sábado, 8 de febreiro, unha xornada para informar á cidadanía amiense sobre esta enfermidade na semana na que se celebra o Día Mundial contra o Cancro. Esta iniciativa, que tamén conta coa colaboración de Santiago Sur, levarase a cabo o sábado no centro comercial Novo Milladoiro.

Deste xeito, no centro comercial instalarase unha mesa informativa na que se distribuirá material informativo co obxectivo de concienciar á poboación e dar a coñecer os detalles desta enfermidade, facendo fincapé na importancia da detección precoz. Tamén se ofrecerá información sobre a entidade e os servizos que presta. Esta mesa informativa contará co apoio de voluntarios da Oficina do Voluntariado de Ames e de membros da Asociación Española Contra el Cáncer, que informarán sobre todos os aspectos relacionados coa enfermidade.

A concelleira de Sanidade, María Eugenia Martín, destaca que a través desta iniciativa o Concello “ten como obxectivo colaborar coa AECC para informar á cidadanía sobre o cancro, ofrecendo consellos preventivos e sanitarios sobre a enfermidade”. A concelleira engadiu que “o obxectivo é chegar ao maior número de veciños e veciñas posible aproveitando a celebración esta semana do Día Mundial contra o Cancro”.