Pestanas principais

O Concello de Ames cobre a totalidade de prazas ofertadas para o curso de monitor de tempo libre

Xoves, 08 de marzo de 2012

[08-03-2012] O curso de monitor de tempo libre, que organizou a Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, tivo un enorme éxito entre a mocidade amiense. A falta de cinco días para o remate do prazo de inscrición xa se completaron as 25 prazas dispoñibles. Esta mañá realizáronse as últimas inscricións. Isto é mostra clara de que os programas formativos postos en marcha dende a Oficina de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ames espertan un grande interese entre os mozos e mozas amienses. O curso consta de 350 horas lectivas e desenvolverase entre o 16 de marzo e o 19 de maio no Centro de Usos Múltiples de Aldea Nova. Primeiro realizarase a parte teórica que dispón de 200 horas lectivas. A continuación, o alumnado deberá completar a súa formación cun período de prácticas (150 horas), nun prazo máximo de dous anos.

O Concello de Ames pretende contribuír á inserción laboral da súa mocidade a través dunha formación útil e versátil. Para iso púxose en marcha o curso de monitor de tempo libre que capacitará os mozos e mozas para que poidan deseñar, programar e pór en práctica ou avaliar actividades para o tempo libre ou socioculturais, orientadas á infancia, á xuventude, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais. O devandito curso tivo un enorme éxito de participación e xa se completaron as 25 prazas ofertadas antes de que rematase o prazo de inscrición o próximo 13 de marzo.

O curso de monitor de tempo libre comezará o vindeiro 16 de marzo. Primeiro impartirase unha parte teórica de 200 horas lectivas que se desenvolverán na aula, en liña e noutros espazos adaptados ao proceso de aprendizaxe. Abordaranse, por exemplo, técnicas de acampada e actividades deportivas. As datas de celebración son as seguintes: 16, 17, 23, 24, 30 e 31 de marzo; os días 2, 3, 4, 13, 14, 20, 21, 27, 28 do mes de abril; e o 4, 5, 11, 12, 17, 18 e 19 de maio.

A continuación, o alumnado deberá realizar un período de prácticas de 150 horas lectivas baixo a tutela dun director ou responsable. Para completar esta segunda fase de formación, o alumno deberá deseñar previamente unha programación na que se contemplen os elementos básicos de toda intervención educativa e, ao remate, entregar unha memoria de elaboración propia e individual. As prácticas poderán realizarse de xeito intensivo, concentrándoas en 14 días de actividade (en bloques non inferiores a 3 días) ou cursando as 150 horas nunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre.

Os contidos do curso abranguen as seguintes áreas: bases psicosociolóxicas da educación no tempo libre, bases pedagóxicas de educación no tempo libre, técnicas e recursos de animación e lexislación vixente. Unha vez rematado o curso o alumnado acadará a titulación oficial de monitor de tempo libre, documento que será expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (co pagamento de 11 euros en concepto de taxas).