Pestanas principais

O Concello de Ames clausura as segundas xornadas sobre violencia de xénero, nas que participaron 40 persoas

Xoves, 26 de abril de 2012

[26-04-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, clausuraron esta tarde no Pazo da Peregrina as II Xornadas sobre violencia de xénero, nas que desde o 17 de abril se trataron as consecuencias da violencia de xénero na infancia e na adolescencia. Ademais, presentaron a conferencia do prestixioso especialista Javier Urra, referencia a nivel estatal no ámbito da violencia de xénero e da atención ao menor, que tratou o tema da educación como a única forma de erradicar esta violencia.


Javier Urra Portillo, recoñecido escritor e colaborador habitual en diferentes medios de comunicación de ámbito nacional, é doutor en psicoloxía e en enfermería, pedagogo terapeuta, psicólogo da fiscalía do tribunal Superior de Xustiza de Madrid, profesor da Universidade Complutense de Madrid e primeiro defensor do menor da Comunidade de Madrid.

Durante a súa intervención, o alcalde de Ames agradeceu aos asistentes a súa participación nas xornadas e destacou que “as institucións debemos prestar atención aos menores como vítimas da violencia de xénero”. “Debemos ser conscientes de que eles son, en moitas ocasións, a parte máis débil e indefensa da unidade familiar en situacións de conflito”, engadiu.

Pola súa banda, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude agradeceu a Javier Urra a súa participación nas xornadas e subliñou a importancia do tema que trataría na súa conferencia, “o da educación como a única forma de erradicar a violencia de xénero”.

Un total de corenta persoas participaron nas segundas xornadas sobre violencia de xénero organizadas pola Concellería de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude do Concello de Ames. Esta iniciativa, que comezou o 17 de abril, estivo dirixida a profesionais do sector e deu continuidade ás primeiras xornadas realizadas no concello en 2010. Foron en total 40 horas lectivas, das cales 18 impartíronse de xeito presencial durante cinco xornadas no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, entre o 17 e o 26 de abril, e 22 completaranse a distancia, utilizando un manual de formación específico.

As xornadas, subvencionadas pola Deputación da Coruña, foron inauguradas polo alcalde de Ames, Santiago Amor; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González.

Temas abordados

Na xornada do mércores 18 de abril desenvolveuse a segunda sesión coa intervención de Yolanda Román González, licenciada en dereito, experta en dereitos humanos e política exterior e responsable de incidencia política e campañas de Save The Children. Yolanda Román impartiu a charla 'Na violencia de xénero non hai unha soa vítima: nenos e nenas vítimas da violencia de xénero. Consecuencias e retos'. No mesmo día tamén interviron Yolanda Villaverde Gondar, traballadora social e directora do Centro de Información da Muller do Concello da Guarda, e Esteban Figueirido Woodford, psicólogo infantil do Centro de Información a Muller do Concello da Guarda. Os dous impartiron unha charla sobre a intervención psicosocial con menores en situacións de conflito familiar.

A terceira xornada desenvolveuse o xoves 19 de abril. Nesta xornada interviu Beatriz Atenciano Jiménez, psicóloga infantil do servizo Mercedes Reyna pertencente á Rede Contra a Violencia de Xénero do Concello de Madrid. Beatriz Atenciano impartiu unha charla sobre os menores que están expostos a malos tratos na parella: realidade, desafíos e oportunidades.

Por último, onte tivo lugar a cuarta xornada a cargo do persoal do Centro de Emerxencias Autonómico para vítimas de Violencia de Xénero (CEMVI), que explicou a intervención social e psicoeducativa cos e coas menores do Centro de Emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero. Este mesmo día tamén interviu o persoal do equipo psicosocial do IMELGA de Santiago de Compostela. Neste caso ofrecerá unha charla sobre a actuación que realizan cos fillos e fillas de parellas en procedementos xudiciais por violencia de xénero.