Pestanas principais

O Concello de Ames celebrou o Día do libro con música, obradoiros, contacontos, teatro infantil e moita animación nas rúas de Bertamiráns

Sábado, 10 de maio de 2014

[10-05-2014] A praza do Concello de Bertamiráns e os seus arredores acolleu este sábado, 10 de maio, a celebración do Día do libro que organizou o Concello de Ames. O programa de “Literatura na praza” estivo composto por unha ampla variedade de actividades. Deste xeito, a veciñanza amiense puido participar en diferentes obradoiros, escoitar contacontos e asistir á representación da obra de teatro infantil “Os tres porquiños”. Ademais, tralo éxito do ano pasado volveuse a realizar unha solta de libros pola praza do Concello e arredores, montouse un posto de intercambio de libros e un recuncho para a lectura. Tamén houbo música e as librarías Lenda, Nenos e Nais e Follas Novas encheron a praza cos seus libros.


Solta de libros polos arredores da praza do Concello
Ademais, ao longo de toda a tarde desenvolvéronse outras actividades. Deste xeito, houbo un posto para intercambiar libros. Todos os veciños e veciñas que quixeron puideron levar os seus libros para intercambialos por outros que non leron. Para facer este intercambio habilitouse un posto específico. Ademais, volveuse repetir a iniciativa da solta de libros, que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado. O persoal do departamento de Cultura repartiu diferentes libros polos arredores da praza do Concello.

Outra das actividades que se ofreceu este ano foi o Recanto da lectura, que puxeron en marcha as bibliotecas municipais. Neste posto houbo fondos da biblioteca municipal centrados en varias temáticas e autores. Deste xeito, a veciñanza puido gozar da literatura de autores que este ano reciben algún recoñecemento especial. Tamén houbo actividades para entreter os rapaces e rapazas, que puideron participar nun obradoiro de elaboración de marcapáxinas con material de refugallo, que organizaron os departamentos de Medio Ambiente e Mocidade, e noutro obradoiro de encadernación, que impartiu o persoal das bibliotecas municipais.

Por último, ás 19:00 horas houbo outro contacontos infantil a cargo de Carla Capeáns, que relatou a “Historia dunha pinga de auga”. Para pechar a festa do libro con música, ás 20:00 horas, actuaron os membros do grupo de música tradicional Os Castros.

Os veciños e as veciñas de Ames saíron á rúa este sábado para celebrar o Día do libro. Nos últimos anos, o Concello de Ames conmemora o Día do libro ao aire libre, para implicar a veciñanza amiense a que participe nesta festa da literatura e das letras galegas. O evento desenvolveuse ao longo de toda a tarde deste sábado, 10 de maio, na praza do Concello de Bertamiráns e nos seus arredores. Este lugar encheuse de música, libros e moita animación. As diferentes actividades organizadas desenvolvéronse nas carpas instaladas polo Concello.

A programación comezou ás 17:00 horas coa música do grupo de pandereteiras As Maianas. A esta mesma hora houbo contacontos infantís a cargo da Asociación cultural O Esquío no Piñeiro. Cómpre destacar que nesta edición de Literatura na Praza, como novidade, houbo teatro infantil coa representación, ás 18:00 horas, da peza Os tres porquiños, da man da compañía Educa Teatro producións. Esta actividade xuntou a un gran número de pais/nais e nenos/as que gozaron con este espectáculo.

Como todos os anos, este evento tamén serviu para presentar o libro que recompila as obras dos gañadores e gañadoras da edición anterior do Certame Literario Concello de Ames. Este libro foi presentado nunha haima instalada polo Concello. Trala presentación do libro os gañadores/as do certame literario de 2013 leron un anaco do seu traballo.