Pestanas principais

O Concello de Ames celebrará o próximo 26 de xaneiro a III Xornada de Innovación do Concello

Martes, 09 de xaneiro de 2024

O vindeiro 26 de xaneiro celebrarase no pavillón polideportivo do Milladoiro a III xornada de innovación do Concello. Con este evento búscase achegar a todos os públicos as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do concello de Ames, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxias que den lugar a proxectos innovadores.

Durante a xornada haberá charlas e mesas de debate sobre a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais dirixidas non só ao sector profesional, senón tamén aos centros escolares de Ames, coa finalidade de proporcionar referentes profesionais e laborais, así como fomentar a inquedanza pola innovación nas novas xeracións

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “Ames é referente no mundo da innovación. Dende fai anos estamos realizando unha aposta decidida e este é un dos piares do noso concello”. Unha innovación que se dá no mundo empresarial pero tamén no educativo, que acolle “o futuro destas grandes empresas que temos no concello”. Deste xeito, a concelleira anima a todas as empresas e centros escolares a participar nesta segunda edición dos premios “para que os veciños e veciñas de Ames coñezan todo o talento que hai no noso concello”.

Candidatura aos II Premios InnovAmes
Dende o pasado día 5 de xaneiro e ata o vindeiro día 15 deste mesmo mes está aberto o prazo de presentación de candidaturas para os premios InnovAmes, tanto na categoría de Proxectos Educativos como na de Empresas Innovadoras. O obxectivo desta convocatoria é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación locais, dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Entre ambos premios repartirase un total de 10.000 euros (4.500 euros entre as distintas categorías a empresas innovadoras, e 5.500 euros entre as categorías a proxectos educativos).

II Premios InnovAmes Empresas Innovadoras
A finalidade desta convocatoria é recoñecer, apoiar e dar visibilidade ás persoas emprendedoras e ás empresas máis innovadoras e con maior potencial de crecemento en Ames; proxectos con carácter e innovador e de gran impacto social, tanto de recente creación como xa consolidadas.

As empresas que desexen participar non poderán ter máis de sete anos de antigüidade e deberán ter o seu domicilio fiscal e social en Ames. Ademais, non poden ter sido gañadores na anterior edición dos premios InnovAmes. Os aspirantes teñen que presentar unha idea de negocio cun alto compoñente de innovación e creatividade no produto ou servizo que ofertan. Haberá tres categorías (empresa máis innovadora, empresa con maior impacto social e empresa de nova creación con alto potencial de crecemento), cada unha delas dotada cun premio de 1.500 euros. Os gañadores conoceranse o 26 de xaneiro no evento InnovAmes.

Para participar, o director do centro interesado deberá presentar o Anexo I da convocatoria cos datos precisados, así como unha fotocopia do DNI do representante que fai a solicitude e unha declaración censal de alta no IAE. As solicitudes, xunto con esta documentación, teñen que presentarse no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames, na Sede electrónica do Concello ou no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 15 de xaneiro.

II Premios Innovames Proxectos educativos
O Concello de Ames ven apostando nos últimos anos polo sector da innovación, o programa Innovames pretende incluír a comunidade educativa para favorecer a cultura do emprendemento e a innovación no futuro da nosa sociedade. Deste xeito, a través deste premio trátase de ofertarlle á comunidade educativa amesá un alicerce para implementar formación, emprendemento e innovación. Neste caso recoñecerase a orixinalidade, a funcionalidade, material empregado e o valor educativo, entre outros, dos proxectos.

Os centros que desexen participar deben deseñar un proxecto audiovisual, artístico, tecnolóxico ou maker, realizado dentro do ámbito educativo, con temática libre innovadora. Este proxecto ten que estar recollido nun documento PDF dun máximo de 6 páxinas no que se especifique o nome do centro, o autor/autores do proxecto, unha explicación do mesmo, material de apoio (vídeos, fotos, etc.) e tecnoloxías empregadas (se procede). Os proxectos serán presentados e defendidos por, cando menos, dous membros do equipo de traballo o 26 de xaneiro no evento Innovames.

Haberá seis premios: un primeiro premio de 2.000€, un segundo premio de 1.500€, un terceiro premio de 1.000€, un cuarto premio de 350€, e un quinto e un sexto premio de
325€ cada un.

Poden participar todos os centros educativos públicos de educación primaria e secundaria do Concello de Ames. Para facelo, un representante do centro interesado deberá presentar o Anexo I da convocatoria cos datos precisados, unha fotocopia do DNI do representante que fai a solicitude e un certificado da secretaría do centro no que se acredite que é a persoa nominada, e unha fotocopia do NIF do centro. As solicitudes, xunto con esta documentación, teñen que presentarse no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames, na Sede electrónica do Concello ou no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 15 de xaneiro.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames mantiene abierto hasta el día 15 el plazo para sus premios de innovación"

O Concello de Ames celebrará o próximo 26 de xaneiro a III Xornada de Innovación do Concello

Multimedia

  • O Concello de Ames celebrará o próximo 26 de xaneiro a III Xornada de Innovación do Concello