Pestanas principais

O Concello de Ames celebrará o pleno ordinario de decembro o último día do ano tras rexeitar o Grupo Municipal Popular un acordo

Venres, 18 de decembro de 2015

[18-12-2015] O Concello de Ames celebrará o pleno ordinario do mes de decembro o último día do ano, o 31 de decembro ás 20:30 horas, despois de rexeitar o Grupo Municipal do PP chegar a un acordo para prodecer ao cambio de data.

Os voceiros dos grupos municipais amesáns reuníronse onte, día 17 de decembro, tralo remate do pleno extraordinario para debater a fixación da data do pleno ordinario de decembro. A proposta, que foi aceptada polos representantes de todos os grupos da oposición, agás o PP, era a de celebrar o pleno o vindeiro luns día 21 de decembro. O motivo deste adianto é trasladar o pleno ordinario de Decembro, que cae no día de fin de ano, a unha data anterior que permita levar a aprobación diferentes asuntos que deben ser ditaminados antes do final de ano; e, de non facerse este cambio de data leva implícita a necesidade de crear un pleno extraordinario e urxente para poder ser aprobados asuntos como a prórroga do contrato da Mancomunidade ou as resolucións das alegacións a unha ordenanza.

Ante a postura adoptada polo voceiro do Partido popular o Goberno mantivo a convocatoria para hoxe -día 18- da xunta de voceiros. Esta segunda reunión foi convocada para intentar consensuar a data do pleno, pero nin o voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular nin outro membro do grupo asistiu á convocatoria. Ante a falta de consenso resolveuse que, seguindo o establecido no pleno de organización, o pleno ordinario convocarase o último xoves de decembro, a menos que este día coincida cun festivo. O día 31, derradeiro xoves de decembro, non o é. Esta previsto que a celebración do pleno ordinario, como é habitual, comece ás 20:30 horas.

Para paliar os efectos desta falta de consenso procedeuse á convocatoria dun pleno extraordinario o luns día 21 de decembro, no cal se debatirán os asuntos que precisan ser aprobados antes do remate do ano para a súa publicación no BOP, como a aprobación definitiva da ordenanza de ocupación de espazos públicos. O Alcalde de Ames sinala "que o goberno decidiu antepoñer a responsabilidade e a pesares do sobrecusto que terá a celebración de dito pleno extraordinario este levarase adiante o vindeiro luns. O 31 de Decembro manterase o pleno ordinario pola falta de sentido común e coherencia dos representantes do PP".

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Ames celebra el día 31 un pleno al no haber acuerdo de cambio"