[27-03-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza as III Xornadas sobre violencia de xénero, onde se tratará a problemática da violencia de xénero nas mulleres maiores e o seu tratamento nos medios de comunicación. Esta acción formativa, que está dirixida a profesionais do sector e que está aberta ao público xeral, ten unha duración de 40 horas, 26 a distancia utilizando un manual de formación específico e 14 presenciais. Ao remate, o alumnado recibirá un diploma acreditativo da súa asistencia ás xornadas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de inscrición.
A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, subliñou que con esta iniciativa, “queremos motivar unha profunda reflexión sobre os retos na atención ás mulleres maiores como vítimas da violencia de xénero”. A concelleira destacou que se trata dunha acción formativa destinada a profesionais, pero tamén ao público en xeral “co que se dá a posibilidade de que todas as persoas interesadas poidan acceder a esta formación e recibir un diploma acreditativo”.
A parte presencial realizarase en cinco xornadas, que se desenvolverán entre o 15 e o 24 de abril, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Para completar a parte a distancia os participantes terán que realizar unha serie de exercicios que posteriormente enviarán aos titores/as do curso. Para recibir o diploma das xornadas haberá que realizar os exercicios a distancia e a parte presencial. Estas xornadas, que están dirixidas a profesionais que traballan con vítimas da violencia de xénero e tamén ao público en xeral, tratarán sobre a incidencia desta violencia entre as mulleres maiores e o seu tratamento nos medios de comunicación.
Esta acción formativa dálle continuidade as primeiras xornadas contra a violencia de xénero realizadas en 2010 e ás segundas, que se celebraron en abril de 2012. Esta iniciativa xurdiu despois de que o Concello de Ames elaborase o Protocolo para a protección das vítimas de violencia de xénero.
Ao longo das xornadas, expertos na materia e profesionais vinculados ao tratamento da violencia de xénero abordarán os diferentes aspectos nos que esta problemática afecta ás mulleres maiores e como este tema se aborda nos medios de comunicación. Deste xeito, na primeira das xornadas presenciais trataranse os aspectos xurídicos da violencia de xénero cando as mulleres son maiores.
Na segunda xornada, tratarase a violencia de xénero desde o punto de vista social, incidindo nos aspectos sociolóxicos das mulleres maiores galegas. O punto de vista psicolóxico tamén estará presente nestas xornadas, xa que se tratarán os aspectos psicolóxicos diferenciais das mulleres maiores que sofren este tipo de violencia.
Por último, analizarase a incidencia da violencia de xénero nos medios de comunicación, abordando o tratamento que se fai desta información e a necesidade da prevención da violencia e da promoción da igualdade. Esta xornada complementarase cunha mesa redonda na que se falará sobre a prostitución en mulleres maiores e o seu incremento debido á crise económica.
Prazo de inscrición
Todas as persoas interesadas en asistir a estas xornadas deben saber que o prazo de inscrición porase en marcha a inicios do mes de abril. Ofértanse un total de 40 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Para inscribirse hai que cubrir unha ficha de inscrición que se poderá descargar na páxina web municipal. Unha vez cuberta hai que entregala nas Unidades municipais de Servizos Sociais. Para obter máis información, as persoas interesadas poden pórse en contacto coa Unidades de Servizos Sociais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10, teléfono 981535941) e de Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns, 981890964).




