Pestanas principais

O Concello de Ames celebra unha reunión informativa sobre o acollemento de persoas refuxiadas de Ucraína

Martes, 22 de marzo de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza este mércores 23 de marzo unha charla informativa sobre o acollemento e as boas prácticas a seguir coas persoas refuxiadas de orixe ucraína que cheguen a Ames. A reunión terá lugar a partir das 20:00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Neste senso, a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e o Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) veñen de crear a semana pasada un rexistro municipal de familias de acollida para persoas refuxiadas de Ucraína.

Parte do persoal da Concellaría de Benestar Social imparte este mércores 23 unha charla orientada a toda a veciñanza de Ames interesada en facilitar a inclusión e a acollida a persoas e familias ucraínas que poidan chegar ao municipio. O obxectivo é dar a coñecer as recomendacións e as directrices propostas de maneira conxunta por organizacións e institucións, de xeito que sexan eficaces e seguras.

As persoas encargadas de conducir a reunión serán a asesora xurídica, Mª Teresa Arufe; o mediador intercultural, Leonardo Pena, e o coordinador de voluntariado, Rubén Ramos. A charla chega despois de que nestas últimas semanas o Concello publicase varias listas de recomendacións e consellos elaboradas en conxunto con outras institucións, como a Xunta de Galicia, a FEGAMP, a Coordinadora Galega de ONGD ou o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entre outras organizacións.

Rexistro municipal de familias de acollida

Neste senso, o Concello de Ames vén de iniciar unha campaña para crear un rexistro de familias de acollida para persoas refuxiadas de Ucraína. A iniciativa está coordinada entre a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e o Servizo de Atención ao Migrante (SAMI).

As persoas que queiran participar nesta iniciativa deben escribir un correo ao enderezo electrónico leonardo.pena@concellodeames.gal, ou ben chamar ao número 662 37 70 44. Haberá que achegar nome e apelidos da persoa solicitante, número de persoas que integran a unidade familiar, DNI, correo electrónico, teléfono de contacto, enderezo da vivenda, metros cadrados da vivenda, e mailo número de persoas que poden acoller.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Charla e rexistro dende Benestar Social para a acollida local de ucraínos"

Enfoques: "El Concello de Ames celebra una charla informativa sobre la acogida de refugiados"

O Concello de Ames celebra unha reunión informativa sobre o acollemento de persoas refuxiadas de Ucraína

Multimedia

  • O Concello de Ames celebra unha reunión informativa sobre o acollemento de persoas refuxiadas de Ucraína