Pestanas principais

O Concello de Ames celebra unha reunión de coordinación de seguridade fronte á COVID-19

Xoves, 03 de setembro de 2020

O Concello de Ames celebrou unha reunión de coordinación de seguridade e seguimento das medidas de prevención fronte á COVID-19. A dita xuntanza asistiron o alcalde, José Miñones, o concelleiro de Administración Xeral, Victor Fernández, así como responsables da Policía Local e da Garda Civil. O obxectivo da mesma foi o de analizar a situación do concello respecto ao seguimento das medidas de seguridade e prevención fronte á COVID-19, así como manter a cooperación e coordinación operativa da Policía Local e Garda Civil no termo municipal.

Dende o inicio da crise sociosanitaria provocada pola COVID-19, o Concello de Ames veu facendo un control sistemático de todas as medidas recomendadas polas autoridades sanitarias. Primeiro, as ditadas polo Goberno do Estado e despois, polo Goberno da Xunta de Galicia. No ámbito municipal, mantéñense operativos específicos de limpeza e desinfección de instalacións e mantense o control de aforo sobre calquera evento cultural ou de lecer, ademais das medidas de control horario de peche de locais de hostalería, así como de uso de máscaras e distanciamento social.

Na xuntanza, destacouse, tanto por parte da Garda Civil como da Policía Local, que a cidadanía de Ames está a manter en xeral unha actitude responsable e acorde á situación, salvo en casos e circunstancias moi puntuais.

Por outra banda, a Policía Local intensificará as medidas de control e vixilancia para evitar o botellón na vía pública, así como para o cumprimento de horarios e aforo ao supoñer un evidente risco para a expansión da Covid-19. Neste sentido destácase desde o Goberno local que “haberá tolerancia cero con estas prácticas que, nestes momentos, supón un evidente risco para a expansión da Covid-19”.

Ao mesmo tempo e debido ao comezo do curso escolar, poñerase en marcha un dispositivo específico de control e regulación de tráfico rodado e peonil e a supervisión das medidas sanitarias establecidas, que a Policía Local vai despregar en todos os centros escolares a hora de entrada e saída do alumnado co fin de garantir as medidas de seguridade.

Segundo o alcalde, José Miñones “este incremento das medidas de control persegue evitar que se poidan producir brotes da Covid-19 no noso concello. Imos traballar a pé de rúa de maneira coordinada cos corpos e forzas de seguridade nesta materia, así como para reforzar o control de determinadas prácticas, aínda que volvemos apelar á responsabilidade da cidadanía e ao cumprimento das medidas de prevención e distancia social como principais armas para frear a expansión do coronavirus”.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "O Concello de Ames celebra unha reunión de coordinación de seguridade fronte á COVID-19"

Imaxe da reunión de coordinación de seguridade fronte á COVID-19