Pestanas principais

O Concello de Ames celebra a semana da xuventude entre o 30 de xullo e o 4 de agosto

Martes, 17 de xullo de 2012

[17-07-2012] A Concellaría de Xuventude organiza unha serie de actividades entre o 30 de xullo e o 4 de agosto para conmemorar a semana da xuventude. Os mozos/as de 14 aos 35 anos poderán participar en obradoiros de inglés para viaxar, redes sociais, busca de emprego, cultura urbana e charlas informativas. Ademais, está programada unha excursión á Pobra do Caramiñal e diversas actividades de deporte de aventura coma o paintball ou o descenso en canoa. A Dirección Xeral de Xuventude instalará unha carpa en Tapia onde se poderá obter información sobre os programas que están dirixidos á mocidade galega. Estas actividades desenvolveranse en tres puntos distintos: nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro e na praia fluvial de Tapia. A semana da Xuventude rematará coas festas da Madalena no Milladoiro que se celebran durante os días 4, 5 e 6 de agosto. É moi importante a inscrición nestas actividades, algo que se pode levar a cabo poñéndose en contacto coa Oficina de Información Xuvenil do Concello de Ames a través de dúas canles: chamando ao número de teléfono 616 083 229 ou no correo electrónico omix@concellodeames.org. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para a semana da xuventude.


O Concello de Ames, a través da concellaría de Xuventude, organizou a semana da xuventude entre o 30 de xullo e o 4 de agosto. Esta iniciativa está dirixida a toda a mocidade amiense para que ocupe o seu tempo de lecer nas vacación de verán con actividades lúdicas e formativas. As actividades comezan o luns 30 de xullo pola mañá cun obradoiro de inglés para viaxar. Entre as 11:00 e as 12:30 horas a Casa da Cultura do Milladoiro acolle esta actividade formativa que está dirixida aos mozos/as que teñen entre 14 e 30 anos. Este obradoiro desenvolverase entre o luns, 30 de xullo, e o xoves, 2 de agosto, en horario de mañá.

Por outra banda, a Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames, impartirá dous obradoiros que están dirixidos aos mozos/as que teñen entre os 14 e os 35 anos. Estes cursos están destinados a dous grupos diferentes de mozos/as. O curso de redes sociais está destinado a persoas entre 12 e 20 anos. Esta actividade realizarse o luns, 30 de xullo, e mércores, 1 de agosto, en horario de 18:30 h a 20:30 horas.

Ademais, desenvolverase outro curso para aprender a buscar emprego a través da internet. Esta actividade, que se realizará o martes, 31 de xullo, e xoves, 2 de agosto, en horario de 10:30 h a 12:30 horas, está destinada a persoas entre 16 e 35 anos. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, colabora coa Concellaría da Xuventude para impartir estes dous obradoiros co obxectivo de ampliar as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías de todos os mozos e mozas amienses.

Para o venres, 3 de agosto, está prevista unha charla informativa sobre a axuda de 200 euros que proporciona a Xunta de Galicia para obter o carné de conducir. Esta charla, que está dirixida aos mozos/as que teñen entre 18 e 30 anos, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro de 11:00 h a 12:00 horas. Xa pola tarde, haberá un obradoiro de Cultura urbana, que conta con exhibicións e obradoiros de graffite e de breakdance, para mozos/as que teñen a partir dos 14 anos. Esta actividade desenvolverase entre as 17:00 h e as 20:00 horas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.

Actividades de deporte de aventura

A Concellaría de Xuventude tamén organizou diversas actividades de deporte de aventura coma o paintball ou o descenso en canoa, que se desenvolverán o martes 31 de xullo na praia fluvial de Tapia, en horario de tarde, entre as 16:00 h e as 20:00 horas. Os mozos/as que participen no descenso en canoa sairán dende Portomouro e chegarán a praia fluvial de Tapia. Os mozos/as que participen na actividade de paintball terán que pagar as cargas de bolas que son necesarias para xogar a este deporte de aventura. Cada carga de 100 bolas ten un custo de 8 euros. Estas actividades están dirixidas aos mozos e mozas de dos 14 anos en adiante. Ademais, a Dirección Xeral de Xuventude instalará unha carpa en Tapia onde se poderá obter información sobre os programas que están dirixidos á mocidade galega.

Para o xoves, 2 de agosto, está prevista unha excursión á Pobra do Caramiñal. Os mozos/as que participen neste excursión darán un paseo pola ría, participarán nunha ruta en caiac e no banana split. Tamén participarán nunha actividade de iniciación ao mergullo con tubo, visitarán as bateas, unha conserveira e o Faro de Ostreira. Esta actividade ten un custo de 15 euros por persoa. As dúas únicas actividades que teñen algún custo son o paintball e a excursión á Pobra do Caramiñal.

Para realizar a inscrición nalgunha destas actividades ou obter máis información pódense poñer en contacto coa Oficina de Información Xuvenil do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 616 083 229 ou a través do correo electrónico omix@concellodeames.org. Os mozos/as que participen no paintball ou na excursión á Pobra do Caramiñal terán que aboar o custo da actividade no número de conta 2080 5215 38 3040000054 (NovaGaliciaBanco).



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Organizan una semana de actos lúdicos para jóvenes amienses"