Pestanas principais

O Concello de Ames celebra o domingo 18 de outubro a décimo sexta edición da Carreira Pedestre Popular

Venres, 09 de outubro de 2015

[09-10-2015] Esta mañá presentouse a XVI Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, que terá lugar o domingo, 18 de outubro, na localidade de Bertamiráns. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 14 de outubro, ás 22:00 horas. A esta presentación asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, o responsable da empresa EME Sports, Ezequiel Mosquera, e o presidente do Club de atletismo Millaraio, José David García. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros e haberá un total de 11 categorías, con premios para os tres primeiros clasificados.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, explicou que “o percorrido da carreira sae dende o Pazo da Peregrina e discorrerá pola senda que vai cara a depuradora de Sisalde, un lugar moi transitado polas persoas aos que lles gusta correr e andar. Despois os corredores meteranse polo medio da urbanización do Agro do Muíño e volverán polo paseo fluvial de Bertamiráns ata volver a chegar ao Pazo da Peregrina”. Miñones engadiu que “estamos traballando para que en 2016 teñamos dúas carreiras; unha profesional e outra popular”.

Neste mesmo senso, o delegado da Federación Galega de Atléticos, Iván Sanmartín, destacou que “temos solicitado que para o próximo ano se homologue en Ames un circuíto de 10 quilómetros, para poder organizar aquí un campionato galego de 10 quilómetros en ruta”. Ademais, Sanmartín engadiu que “esta carreira ten un potencial tremendo, tal e como o demostra o incremento progresivo que houbo nos últimos anos no número de participantes que chegou aos 1.500 inscritos/as”.

O prazo de inscrición remata o 14 de outubro
Nesta proba poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. As inscricións poderanse facer ata as 22:00 horas do día 14 de outubro. As inscricións de todas as probas realizaranse a través da web www.emesports.es enchendo o formulario de inscrición. Tamén se poderá realizar presencialmente nas seguintes tendas deportivas: Deportes Amesport, que está situada na avenida da Maía, en Bertamiráns; e na tenda Deportes Metrópolis, que está na avenida da Peregrina, tamén en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

A inscrición para a carreira escolar (de pitufo a cadete) é gratuíta. As persoas que desexen participar na proba absoluta (de xuvenil a veterano) terán que aboar unha cota de 5 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web. Calquera dúbida que teñen no proceso de inscrición dos adultos poderán resolvela chamando ao número de teléfono 886153589 ou enviando un correo electrónico á dirección info@emesports.es.

Os corredores da proba absoluta tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende a avenida de José Luis Azcárraga. Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada no Pazo da Peregrina o día anterior á carreira (sábado, 17 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.

Percorrido e distancia de cada proba
As categorías xúnior, promesa, sénior e veteranos, é dicir, os nacidos no ano 1997 e anteriores, percorrerán un total de 10.200 metros. Ás 12:00 horas, tras a competición absoluta, está previsto que comecen as probas da categoría pitufo –nados no ano 2011 e posteriores–, que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís (2.000 metros) e cadetes e xuvenís (2.800 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 1998 e 2010.

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Os premios non serán acumulativos. A entrega de trofeos farase ao rematar a carreira. Aos atletas que obteñan algún premio poderáselles solicitar que acrediten a súa idade coa presentación do DNI ou pasaporte. Cómpre salientar que todo corredor ou corredora que chegue á meta sen o seu dorsal ou non o leve colocado de xeito correcto na zona do peito, será automaticamente descualificado. Haberá servizo de duchas no pavillón polideportivo de Bertamiráns.

O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela. Aínda que a proba sexa de carácter estritamente deportivo e popular, admitiranse reclamacións, pero agárdase un espírito e un comportamento deportivo por parte de todos os participantes. As reclamacións aos resultados oficiais formularánselle ao xuíz árbitro da competición non máis tarde de 30 minutos despois da publicación dos resultados.