Pestanas principais

O Concello de Ames celebra o 24 de setembro o Día do Deporte con campionatos e agasallos para os veciños e veciñas amienses

Mércores, 21 de setembro de 2011

[21-09-2011] Este sábado celebrarase no Concello de Ames, por sexto ano consecutivo, o Día do Deporte con numerosas actividades vinculadas á boa práctica deportiva. O 24 de setembro, dende as catro ata as oito da tarde, todas aquelas persoas que o desexen poderán participar nesta xornada lúdica onde o deporte se converte no rei e protagonista auténtico da fin de semana amiense. Haberá actividades divertidas para todos os públicos onde os asistentes gozarán ao máximo de distintas disciplinas deportivas como o bádminton, voleibol, spinning, atletismo, fútbol e baloncesto, entre outras. Esta iniciativa, organizada pola Concellería de Deportes defende firmemente a necesidade de incluír o deporte na vida dos amienses co obxectivo de favorecer a realización de hábitos saudables. Se che gusta o deporte e queres gozar dunha auténtica xornada de divertimento e exercicio físico, o sábado non podes faltar ao Día do Deporte, tes unha cita na Área Deportiva de Milladoiro.

O deporte ofrece numerosos beneficios para a saúde mental e física das persoas e, por iso, o concello amiense mostrase, a través da Concellería de Deportes, moi comprometido co fomento de actividades deportivas que favorecen os bos hábitos saudables dos veciños e veciñas do municipio. Ao longo do ano, desenvólvense diversas xornadas relacionadas con esta práctica entre as que destaca o Día do Deporte. Este acontecemento é un dos máis entretidos e máis variados do panorama deportivo de Ames posto que conta con numerosas actividades. Diversas disciplinas como o baloncesto, voleibol, fútbol e tenis, entre outras, teñen cabida neste acto deportivo para cubrir, deste xeito, a ampla demanda deportiva dos veciños e veciñas amienses. Deporte para todos os públicos e para todos os gustos.

Calendario de actividades

Dende as 16:00 h. ata as 20:00 h, un compendio de actividades deportivas terán acollida nas instalacións deportivas do Milladoiro. O tenis de mesa, os inchables tres deportes, multideportes e portaría fútbol, así como, os coches de pedais e as xincanas ciclistas poderán realizarse durante toda a tarde. Haberá tamén clases de spinning a partir das 18:00 horas, bádminton de 18:00 h. a 20:00 h e probas de atletismo de 17:00 h. a 19:00 h. Por outra banda, é importante subliñar que tamén contarán co seu propio espazo os deportes alternativos e o piragüismo. Este último desenvolverase das 16:00 h. ás 18:00 ho e os deportes alternativos serán das18:00 h. ás 20:00 h da tarde. Para participar nas actividades acuáticas é preciso levar a vestimenta axeitada (bañador, camiseta e chanclas).

En canto aos deportes en equipo, celebraranse campionatos 3x3 de voleibol, baloncesto, fútbol e un minitorneo de tenis. Para participar nas dúas primeiras disciplinas é necesario facer a inscrición ás 18:00 h posto que quince minutos despois comezarán os torneos. As outras dúas actividades desenvolverase a partir das 16:00 h. da tarde, hora na que se terá que facer a inscrición. O fútbol e o baloncesto contarán tamén co seu particular concurso de tiros. O de baloncesto  comezará ás 16:00 h. e o de fútbol ás 18:00 h. da tarde. Neste tipo de actividades deportivas, os equipos deberán ser dun mínimo de tres e un máximo de 5 xogadores e poderán ser mixtos, masculinos e femininos de libre creación. Por outra banda, a súa configuración e categoría dependerá do grupo de idade: benxamín (dende 2002), alevín (2000-2001), infantil (1998-1999), cadete (1996-1997) e absoluta (ata o ano 1995).

Aquelas persoas interesadas en participar neste evento deportivo do concello amiense poderán inscribirse ese mesmo día no recinto deportivo do Milladoiro. Unha vez feita a inscrición, os e as asistentes contarán cunha especie de pasaporte deportivo no que se indicarán as actividades que o usuario/a vaia realizando ao longo da xornada. Por cada actividade, os e as participantes contarán cun selo no seu "pasaporte" e cando consigan cinco, recibirán un agasallo que poderán recoller na oficina da organización.

O 24 de setembro a partir das 16:00 horas tes unha cita co Día do Deporte. Estar en forma resulta doado no Concello de Ames.