[23-02-2013] O Concello de Ames conmemorará mañá o Día de Rosalía de Castro. O acto comezará ás 18:00 horas e desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro. Un grupo de oito nenos e nenas de sexto de educación primaria do CEIP Agro do Muíño, outro grupo de tres alumnos/as de segundo de bacharelato do IES de Ames, dous membros do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, e Mariña Pérez Rei e Xosé Antonio López Silva, ambos os dous escritores amienses, lerán varios poemas da obra de Rosalía de Castro. Ademais, haberá un concerto a cargo dos artistas Roi Casal e Silvia Ferre.
O Concello de Ames decidiu o ano pasado, mediante acordo plenario, instaurar o 24 de febreiro como o Día de Rosalía co obxectivo de promover a difusión do legado da escritora. En virtude deste acordo, cada 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora do que se fan 176 anos, o Concello de Ames organizará diversas actividades divulgativas. Ademais, neste ano 2013 tamén se celebra o 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos.
Este ano a conmemoración do Día de Rosalía de Castro en Ames contará coa lectura pública de varios poemas da escritora galega que levarán a cabo representantes de distintos ámbitos culturais e sociais do municipio. Nesta lectura intervirán nenos e nenas dos centros de ensino amienses, membros de JUPEMI, e representantes da cultura amiense como son os escritores amienses Mariña Pérez Rei e Xosé Antonio López Silva.
Do CEIP Agro do Muíño intervirá un grupo de oitos nenos e nenas de sexto de educación primaria. Roberto García, Sara Negreira, Iria Ces, Mariña Andrade, e Ada Montoto lerán o poema Castellanos de Castilla. Deste mesmo centro de ensino, intervirá de forma individual Flavia Fernández, e a parella formada por Álex López e Alba Meijide. Por parte do IES de Ames intervirá un grupo de tres alumnos/as de segundo de bacharelato que lerán de forma conxunta un poema rosaliano.
En representación do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro intervirán Casiano Otero Varela, que lerá uns versos dun poema rosaliano, e Lourdes Álvarez Viqueira, que se encargará de pórlle voz ao poema Eu cantar, cantar, cantei, pertencente á obra Cantares Galegos. Outras personalidades da cultura que participarán nesta conmemoración serán Mariña Pérez Rei, que lerá o poema Si a vernos, Marica, noutronte viñeras, e Xosé Antonio López Silva, que se encargará de ler o poema A xustiza pola man.
Homenaxe musical
Da homenaxe musical encargaranse os artistas Roi Casal e Silvia Ferre, a través dun recital de arpa e voz no que incluirán cancións con poemas musicados de Rosalía de Castro que forman parte do seu traballo discográfico.
O artista Roi Casal comezou a súa carreira en solitario co traballo Lendas Douradas, un dos discos máis vendidos en Galicia no ano 2009. Actualmente, está presentando o traballo Maxicamente vello, co que realizou unha xira de máis de 40 concertos e que inclúe sons pop que proveñen de instrumentos como a arpa, a guitarra eléctrica ou a zanfona e que están marcados polas voces de Roi Casal e Silvia Ferre.
Nos seus traballos, o artista toma referencias de obras de Rosalía de Castro como Cantares Galegos ou Follas Novas. Deste xeito, inclúe temas como Ninfas das frescas augas, Noite de San Xoán ou Tecín Soia, baseados nos poemas da autora.