[24-11-2011] A festa por excelencia do outono, o magosto, celebrarase o sábado 26 de novembro en Ames. A praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e a praza de Chavián, en Bertamiráns, acollerán cadanseu magosto, nos que a veciñanza poderá vivir unha tarde chea de música tradicional, xogos populares, castañas, bolos preñados e, como non, moita festa. Desde xogos para os máis pequenos a música para os máis maiores, ninguén quedará sen divertirse. Os magostos comezarán a partir das 17:00 horas en ambas as dúas localidades.
Este sábado a diversión está garantida en Ames. O Concello organiza para o día 26 de novembro as festas do magosto deste ano. Ambos os dous magostos comezarán ás cinco da tarde. No Milladoiro o magosto celebrarase na praza de Manuel Murguía. A partir das 17:00 horas farase o reparto de castañas e bolos preñados. Ademais haberá xogos populares a cargo da Asociación de xogos tradicionais Compostela. A música tradicional correrá a cargo da Requinta de Xián.
Por outra banda, en Bertamiráns, o magosto será na praza de Chavián. A partir das 17:00 horas haberá xogos populares a cargo da Asociación xogos tradicionais Compostela, mentres que a musica tradicional correrá a cargo das Asociacións Culturais Os Castros e Follas Novas. Ademais haberá unha exposición micolóxica que organiza a Asociación Fragas e Cogomelos Mar de Ovellas. Despois de xogar e bailar haberá que repoñer forzas. A partir das 18:00 horas farase o reparto de castañas e bolos preñados.
Como en anos anteriores agárdase unha boa asistencia a esta nova edición do magosto, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Ademais este ano está previsto que faga bo tempo polo que dende o Concello de Ames anímase a todos os veciños e veciñas a que acudan a estas festas do outono. Para obter máis información sobre estas actividades poden chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico a cultura@concellodeames.org
Colaboración das asociacións
Nesta nova edición do magosto participan un bo número de asociacións do Concello. Así, en Bertamiráns colaboran as asociacións Follas Novas, Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), Asociación Cultural Virxe da Peregrina, Asociación Fragas e Cogomelo Mar de Ovellas e a Asociación Lentura.
Mentres que no Milladoiro colaboran a AEMI (Asociación de Empresarios do Milladoiro), a ANPA do CEP de Ventín, a Asociación de festas O Milladoiro, Arcea-Adames (Asociación de Discapacitados de Ames), SD Milladoiro, ANPA Millapeques, ANPA da EEI Madalena, Club Atletismo Millaraio, JUPEMI, Asociación de pequenos comerciantes Viorneira-Palmeira Bulevar e Asociación veciñal promilladoiro.




