Pestanas principais

O Concello de Ames celebra este xoves un acto de homenaxe a Rosalía de Castro en Bertamiráns

Mércores, 22 de febreiro de 2017

[22-02-2017] O Concello de Ames organizou para este xoves, 23 de febreiro, ás 19:00 horas, un acto no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, no que se conmemorará o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A entrada a este acto é gratuíta e está aberto a toda a cidadanía amesá. Baixo o lema "Ames con Rosalía" organizáronse unha serie de actividades, que comezaron a semana pasada coa colocación dunha pancarta na Casa do Concello, na que se pode ler os versos "No sembrante a alegría, no corazón o esforzo". As actividades continúan durante esta semana coa novidosa iniciativa "Café con verso", coa colocación de poemas rosalianos nos escaparates dos establecementos comerciais amesáns e coa celebración mañá dun acto literario-musical en Bertamiráns. A programación rematará cunha excursión, que terá lugar o sábado, 4 de marzo, a distintos lugares da Ruta Rosaliana.

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, animou a toda a veciñanza amesá a participar no acto literario-musical que terá lugar mañá, ás 19:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. “Intentamos coordinar unha programación variada e participativa, para todas as idades pero con especial atención á poboación máis nova. Agardamos tamén implicar a toda a veciñanza e que todas e todos os amesáns se sintan orgullosos de quen son e de teren como veciña unha figura do talle de Rosalía cunha obra e un pensamento totalmente vixente e necesario para acadarmos unha sociedade máis xusta”, explica Isabel Vaquero.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este xoves, 23 de febreiro, o acto central de homenaxe á escritora. A entrada ao acto literario-musical será libre e completamente gratuíta. Haberá lecturas, dramatizacións e vídeocreacións con poemas rosalianos e música a cargo da artista, Najla Shami. Este acto estará conducido e presentado pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López, e contará coa presenza de varios concelleiros/as tanto do grupo de goberno coma dos grupos políticos da oposición.

Actuación da artista Najla Shami
O acto arrincará coa actuación de Najla Shami, vocalista e compositora nada en Santiago de Compostela, filla de dúas culturas: palestina e galega. O seu primeiro traballo en solitario publicouse no 2013, o disco-libro Na lingua que eu falo (Editorial Galaxia), unha elegante e fonda ollada sobre os poemas da poetisa galega Rosalía de Castro. Nesta obra, a compositora galego-palestina reúne o seu background musical para conformar un traballo íntimo e delicado co que foi seleccionada como finalista nos XIII Premios Opinión de Música Folk nas categorías de Mellor Artista e Mellor Tema Orixinal.

A continuación intervirán a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, e mailo alcalde de Ames, José Miñones. Trala intervención das autoridades municipais proxectarase un vídeo creado polo alumnado e profesorado da EEI do Milladoiro titulado Unha ducia de palabras para Rosalía e 9 alumnos/as do CEIP Agro do Muíño lerán os poemas rosalianos: Un repoludo gaiteiro; Pasa río, pasa río; Formoso campo de Cornes; Amores cativos; e Quíxente tanto meniña.

De seguido darase paso a un vídeo elaborado no CEIP da Maía e a actuación de dous rapaces do IES do Milladoiro, Eric Fungueiriño e Noe Cutrín, que van a facer unha versión rapeada do poema rosaliano A xustiza pola man. Despois, tres alumnos/as (Alba Vinke, Rut Orozco e Mertxe Álvarez) do obradoiro de lingua e cultura galega lerán poemas de Rosalía nas súas linguas natais (holandés, español caraqueño e éuscaro) e 9 alumnos de segundo de bacharelato do IES do Milladoiro farán unha dramatización do poema Castellanos de Castilla. Por último, dous alumnos/as do IES de Bertamiráns e un integrantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro tamén lerán poemas rosalianos. O acto pecharase coa proxección dun vídeo do CEIP de Barouta e coa actuación musical da artista Najla Shami.

Excursión poética pola Ruta Rosaliana
A programación concluirá cunha excursión en autobús, con saída o sábado 4 de marzo ás 10:00 do Milladoiro e ás 10:15 de Bertamiráns, e que fará parada por algunhas das localizacións da contorna nas que se atopan edificios ou lugares pertencentes á chamada Ruta Rosaliana.

A primeira destas paradas atópase en territorio amesán. Trátase da casa onde Rosalía de Castro pasou os primeiros anos da súa vida, situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño. A visita continuará por Bastavales, parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizan un dos versos mais soados da autora. O autobús porase entón en marcha cara ao concello de Padrón, onde os excursionistas se apearán para facer unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, a coñecida como "Casa da Matanza". A concelleira explicou que a excursión empregaríase tamén para "aproveitar e conectar a obra de Rosalía cos distintos lugares que compoñen a visita, lendo tamén algúns dos seus textos e aprendendo máis sobre a súa obra e o seu pensamento".

O prazo de inscrición para participar na excursión finaliza o día 2 de marzo. Pódese reservar praza enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando nome, idade, teléfono de contacto e lugar onde collerán o bus (O Milladoiro ou Bertamiráns.) Enviarase un correo electrónico de resposta coa confirmación da praza solicitada. O prezo da excursión é de 1,5 euros, a tarifa de entrada á Casa-Museo de Rosalía.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Rosalía será homenaxeada hoxe na Alameda e en Ames"