[13-04-2015] A praza do Concello de Ames acollerá este sábado a celebración do Día do Libro. Durante toda a tarde desenvolverase a iniciativa “Literatura na praza”, cun programa que inclúe diferentes actividades para todos os públicos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, convida a toda a veciñanza a sumarse a esta festa literaria que pretende ser “exemplo de evento cultural e participativo” en toda a bisbarra. “É un orgullo e un pracer –agrega o rexedor– comprobar que somos un Concello pletórico de inquedanzas, cun certame literario de creación narrativa e poética que cumpre doce edicións, con clubs de lectura interxeracionais e moi activos, e en definitiva, un pobo que ama os libros, a literatura e os seus autores”.
O grupo de teatro Os Quinquilláns ofrecerá dende as 17:00 horas un divertido espectáculo titulado Por que é salgada a auga do mar?, cun guión pensado para fomentar a lectura, o pensamento e a busca de explicacións. De seguido presentarase o libro do XI Certame Literario de Narrativa e Poesía, que recolle as obras gañadoras do ano pasado e serán lidas polos premiados.
Ás 18:30 horas, a escritora amesá Mariña Pérez Rei achegará ao público o seu último libro, titulado Boca de gárgola. Nel a autora combina a poesía coa fotografía de Martín Pérez Fernández e a análise xornalística de Manuel Gago Mariño para ofrecer unha colección de fotopoemas centrados na cidade de Santiago. A diferenza dos seus últimos traballos, Boca de gárgola é unha mestura de diferentes puntos de vista que atrae tanto ao lector de poesía como ao amante da fotografía.
Ás 19:00 horas, Magín Blanco representará o seu musical A nena e o grilo e, como peche dos actos, a Asociación Cultural Os Castros ofrecerá un concerto de música tradicional.
Postos de venda, intercambio de libros, obradoiros e recuncho de lectura
Paralelamente a estas actividades, as librarías Boas e Novas, Lenda e Follas Novas montarán os seus postos de venda de libros durante toda a tarde. Ademais, os asistentes poderán realizar un intercambio de obras ou acudir ao recuncho da lectura, un espazo con fondos da biblioteca municipal, no que se poderá gozar dos textos de autores que este ano recibiron algún recoñecemento especial.
Tamén se levará a cabo unha solta de libros polas inmediacións da casa consistorial. O persoal do departamento de Cultura repartirá diferentes exemplares para que os veciños que os atopen poidan levalos para as súas casas. Ademais, a rapazada poderá participar nun obradoiro de decoración de letras con material de refugallo, que organizan os departamentos de Medio Ambiente e Mocidade. O Concello de Ames instalará varias carpas para que as inclemencias do tempo no impidan a celebración desta cita literaria.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames celebra o Día do Libro cunha xornada de actividades literarias"