Pestanas principais

O Concello de Ames celebra este domingo, 16 de xuño, a Festa da Terra na praia fluvial de Tapia

Mércores, 12 de xuño de 2013

[12-06-2013] O Concello de Ames está desenvolvendo ao longo deste mes diversas actividades para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebrou o pasado 5 de xuño, co obxectivo de poñer en valor o noso medio e reducir os refugallos e a perda de alimentos. Para este domingo, 16 de xuño, está previsto que se celebre a Festa da Terra na Área recreativa de Tapia. Ao longo da tarde vaise realizar unha solta de crías de troitas autóctonas e diferentes obradoiros de aproveitamento de alimentos. Tamén haberá música a cargo do grupo amiense de pandereteiras As Maianas, exposición e venta de artesanía e unha mostra dos traballos realizados polo grupo de persoas que participaron no obradoiro de calceta. As actividades programadas desenvolveranse entre as 16:30 h e as 20:00 horas. Durante toda a tarde recolleranse receitas de cociña que sirvan para aproveitar restos de comida e posteriormente publicaranse na web municipal.

O pasado 5 de xuño celebrouse o Día Internacional do Medio Ambiente. Con motivo desta celebración o Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, preparou un amplo programa de actividades para conmemorar esta efeméride durante todo o mes de xuño. O Día Mundial do Medio Ambiente ten como lema este ano Pensa. Aliméntate. Aforra, unha campaña para de reducir os refugallos e as perdas de alimentos. Esta campaña, á que se suma o Concello de Ames, está dirixida tanto ás persoas particulares como aos supermercados e grandes superficies comerciais.

Unha das principais actividades que se organizaron para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente é a Festa da Terra, que se desenvolverá este domingo 16 de xuño na praia fluvial de Tapia. As actividades desenvolveranse entre as 16:30 horas e as 20:00 horas. Durante toda a tarde haberá exposición e venda de artesanía e unha mostra dos traballos realizados polo grupo de persoas que participaron no obradoiro de calceta organizado polo Concello de Ames.

Ao longo do curso de 2012-2013 realizáronse varios obradoiros de iniciación á calceta en Bertamiráns e no Milladoiro. Unha vez rematados estes cursos moitos usuarios/as formaron un grupo de calceta para seguir véndose para intercambiar información sobre a calceta e resolver as súas dúbidas. Deste xeito, estas persoas exporán e venderán os traballos feitos tras finalizar os cursos de iniciación á calceta.

Solta de crías de troita autóctona
Dende primeira hora haberá música a cargo do grupo amiense de pandereteiras As Maianas. Ás 17:00 horas realizarase unha solta de crías de troita autóctona cedidas pola Sociedade de Caza e Pesca Azor de Ames. Unha hora máis tarde, ás 18:00 horas, ofrecerase un obradoiro de elaboración de pan raiado. Para iso empregarase pan reseso. Unha vez torrado haberá que desfacelo para elaborar o pan raiado. Ademais, engadíranselle diferentes especies. Este pan poderase utilizar para rebozar ou engadir a diferentes salsas.

Para ás 19:00 horas está previsto que se realice un obradoiro de batidos de reciclaxe. Na elaboración destes batidos empregarase froita madura que sempre temos nas nosas casas. Estes dous obradoiros están relacionados co lema deste ano do Día Internacional do Medio Ambiente, Pensa. Aliméntate. Aforra, que pretende reducir os refugallos e a perda de alimentos. Ademais, durante toda a tarde recolleranse receitas de cociña que sirvan para aproveitar restos de comida e posteriormente publicaranse na web municipal.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames celebra este domingo a Festa da Terra na praia fluvial de Tapia"