Pestanas principais

O Concello de Ames celebra durante o mes de maio o Día do Libro e as Letras Galegas

Venres, 02 de maio de 2014

[02-05-2014] Este ano o Concello de Ames decidiu celebrar o Día do Libro e as Letras Galegas no mesmo mes. Deste xeito, o sábado 10 de maio conmemorarase o Día do Libro cun acto específico denominado “Literatura na Praza”, que se desenvolverá a partir das 17:00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns. Nesta xornada, haberá exposición e venda de libros, obradoiros, actuacións musicais, teatro infantil, etc. Ademais, o venres 16 de maio, conmemorarase o Día das Letras Galegas que este ano está dedicado ao poeta Xosé María Díaz Castro. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 20:00 horas, o acto de entrega dos premios da décimo primeira edición do Certame Literario Concello de Ames e do VI Certame Artístico-Literario Intercentros. O acto contará coa actuación da Escola Municipal de Música de Ames.

O Concello de Ames xa ten pechada a programación de actividades que se organizarán o vindeiro sábado, 10 de maio, con motivo da conmemoración do Día do Libro. A Concellaría de Cultura deseñou unha programación especial para todos os públicos. Fuxindo da habitual organización dos actos en espazos pechados, a conmemoración do Día do Libro en Ames será na rúa, ao aire libre, de xeito que poida ter un maior dinamismo e proximidade á cidadanía. O tempo non será ningún impedimento para asistir, pois os operarios do Concello instalarán varias carpas para acoller as diferentes actividades programadas.

A programación para conmemorar o Día do Libro desenvolverase entre as 17:00 h e as 20:30 horas aproximadamente. A praza do Concello en Bertamiráns acollerá unha feira de exposición e venda de libros. Este día suporá unha boa oportunidade para darlle á literatura a importancia que merece nas nosas vidas ofrecéndolle un oco do noso tempo, pois no mesmo lugar no que se desenvolve este acto, as librarías amienses e da contorna exporán os seus libros e poranos á venda. As librarías Lenda (Bertamiráns), Nenos e Nais (O Milladoiro) e Follas Novas (Santiago de Compostela) ofrecerá un desconto do 10% sobre o prezo en libraría.

Solta de libros polos arredores da praza do Concello
Esta edición de Literatura na Praza conta con un amplo número de actividades permanentes que se desenvolverán ao longo de toda a tarde. Deste xeito, haberá un posto para intercambiar libros. Todos os veciños e veciñas que o desexen poderán levar os seus libros para intercambialos por outros que non leron. Para facer este intercambio habilitarase un posto específico. Ademais, volverase repetir a iniciativa da solta de libros, que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado. O persoal do departamento de Cultura repartirá diferentes libros polos arredores da praza do Concello. As persoas que atopen estes libros poderán levalos para as súas casas.

Outra das actividades que se ofrece este ano será o Recanto da lectura, que poñen en marcha as bibliotecas municipais. Neste posto haberá fondos da biblioteca municipal centrados en varias temáticas e autores. Deste xeito, a veciñanza poderá gozar da literatura de autores que este ano reciben algún recoñecemento especial. Tamén haberá actividades para entreter os rapaces e rapazas, que poderán participar no obradoiro de elaboración de marcapáxinas con material de refugallo, que organizan os departamentos de Medio Ambiente e Mocidade, e no obradoiro de encadernación, que impartirá o persoal das bibliotecas municipais.

Música, teatro infantil e contacontos
Ademais, haberá moita música, teatro infantil e sesións de contacontos para os nenos e nenas. Ás 17:00 horas comezará a animación con música tradicional da man do grupo de pandereteiras As Maianas. A esta mesma hora haberá contacontos infantís a cargo da Asociación cultural O Esquío no Piñeiro. Esta actividade estará aberta a todos os públicos.

Unha hora máis tarde, ás 18:00 horas, continuará a programación infantil coa representación da obra de teatro Os tres porquiños, da man da compañía Educa Teatro producións. Esta actividade tamén estará aberta a todos os públicos. A esta mesma hora na haima dos contos da praza do Concello desenvolverase a presentación do libro que recompila as obras dos gañadores e gañadoras do X Certame Literario Concello de Ames.

Por outra banda, ás 19:00 horas haberá contacontos infantís a cargo de Carla Capeáns, que relatará a “Historia dunha pinga de auga”. Para pechar esta festa do libro con música, ás 20:00 horas, actuarán os membros do grupo de música tradicional Os Castros.


Contido relacionado


El Correo Gallego "Ames celebra durante o mes de maio o Día do Libro e as Letras Galegas"
La Voz de Galicia: "Ames celebra en dos jornadas de mayo el Día do Libro y la fiesta de las Letras Galegas"