Pestanas principais

O Concello de Ames busca familias de acollida para o programa Vacacións en Paz 2019

Luns, 30 de xullo de 2018

[30-07-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, colabora un ano máis coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), na posta en marcha e difusión da campaña de Vacacións en Paz 2019. Nesta ocasión comézase xa coa promoción de dita campaña porque cinco dos sete nenos/as que son acollidos/as por familias amesás rematan o seu ciclo e de cara ao vindeiro ano xa non poderán participar neste programa. Debido a iso é preciso buscar novas familias de acollida para rapaces e rapazas que participen no programa de cara ao próximo verán.

O Concello de Ames e maila asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) poñen en marcha a campaña de difusión do programa Vacacións en Paz 2019. Trátase dun programa de acollida co que centos de nenos e nenas saharauís pasan o verán en Galicia desde hai máis de 20 anos. Grazas a este programa, os menores poden escapar das altas temperaturas do verán nos campamentos de refuxiados e someterse a diversos exames médicos, inalcanzables na vida diaria que están obrigados a vivir en Tindouf. Ademais, este programa posúe un gran valor cultural para os nenos e nenas saharauís, españois e para as familias acolledoras.

O programa de Vacacións en Paz preséntanse nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase, por tanto, de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra e sometidos as súas dúbidas, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharauí.

Dende o Concello de Ames animan a todas aquelas persoas que estean interesadas en vivir unha experiencia única e inesquecible, e que queiran solidarizarse co pobo saharauí, acollendo na súa casa durante os dous meses de verán a unha nena ou neno refuxiado saharauí, que se poñan en contacto con dita asociación enviando os seus datos ao enderezo de correo electrónico info@sogaps.org ou chamando polas mañás ao número de teléfono 986 262 637. Os responsables de Vacacións en Paz poñeranse en contacto con cada persoa que estea interesada neste proxecto, para informalos do proceso que hai que seguir para acoller.

Outra opción é poñerse en contacto co departamento municipal de Servizos Sociais chamando ao número de teléfono 662 371 079. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. O departamento de Servizos Sociais informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos cativos no noso municipio.

Na actualidade, ata o 6 de setembro, 7 familias amesás están acollendo a 4 nenos e 3 nenas saharauis. Cinco destes nenos e nenas rematan este ano o ciclo de participación en dito programa, polo que de cara ao vindeiro ano non poderán volver a participar en Vacacións en Paz. Debido a iso é preciso buscar novas familias de acollida para rapaces e rapazas que participen no programa de cara ao próximo verán.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Concello de Ames busca familias de acollida para o programa Vacacións en Paz 2019"
El Correo Gallego: "Animan a acoller nenos saharahuís"